Leiro celebrou esta fin de semana a trixésimo terceira edición da súa Festa da Vendima, a súa clásica cita durante este mes de agosto que encheu as rúas con tradición, música e moito viño.
Este fin de semana, Leiro celebrou con entusiasmo a súa Festa da Vendima, que ofreceu unha ampla variedade de actividades. Os veciños desfrutaron dunha celebración chea de tradición, música e cor, facendo brillar o mellor da cultura vitivinícola.
O desfile de carrozas foi o gran protagonista, coa recreación das labores e escenas típicas do proceso de elaboración do viño. Un total de 18 carrozas participaron no gran desfile, co que fixeron gozar ao público dunha divertida xornada. A celebración incluíu tamén un concurso de acios, unha exposición de coches antigos, o mercado artesanal e unha oferta de deliciosa comida acompañada cun bo viño á beira do río Avia.
A Conselleira do Medio Rural, María José Gómez, foi a encargada da lectura do pregón deste ano. Antes do acto, compartiu con nós unhas palabras coas que quixo poñer en valor o poder da Festa de Vendima como celebración que busca ensalzar a cultura do medio rural.
Ao seu carón, o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor tamén quixo destacar a Festa da Vendima como unha celebración que pon en valor diversos aspectos tradicionais para promover o rural tanto no ámbito cultural como no turístico.
A Festa de Vendima é un evento para exaltar os viños da zona e render homenaxe á labor dos viticultores durante todo o proceso de produción dos mesmos. Trátase dun punto de encontro para que veciños e visitantes da zona celebren a cultura da localidade, tal como o quixo destacar o alcalde de Leiro, Francisco José Fernández, quen entre música e aplausos fixo unha valoración xeral da festa
.