O Psdeg-Psoe de Leiro rexeita as contas do 2023 do concello ao considerar que non foron debidamente fiscalizadas e nas que a transparencia “brilla pola súa ausencia”

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

As e os socialistas sinalan a negativa a aprobar as contas, xa que tal e como explican “non podemos apoiar a xestión do alcalde e presidente da mancomunidade, que só minte e manipula, tal e como queda latente por parte da Valedora do Pobo ou do Consello de Contas”

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Manuel Rodríguez subliña que “se as contas do 2023 da Mancomunidade xa son de por si opacas, podemos imaxinarnos como son as do concello, contrarias ao principio de transparencia, tal e como acreditou a Valedora do Pobo”

Leiro, 23 de setembro de 2024. O PSdeG-PSOE de Leiro vota en contra da aprobación das contas do 2023 no concello ao considerar que non foron debidamente fiscalizadas polo secretario/interventor e nas que a transparencia “brilla pola súa ausencia”. As e os socialistas sinalan a negativa a aprobar as contas, xa que tal e como explican “non podemos apoiar a xestión do alcalde, presidente da mancomunidade e senador que só minte e manipula, tal e como queda latente por parte da Valedora do Pobo ou do Consello de Contas”.

Dende o grupo municipal socialista de Leiro lembran que a maioría dos gastos correntes do concello son xestionados pola Mancomunidade do Ribeiro, contemplándose nas contas deste 2023, as liquidacións das mesmas, é dicir, os pagos realizados á Mancomunidade, unha vez practicada a liquidación dos mesmos. Neste senso, as e os socialistas apuntan a que as contas, aprobadas coa maioría absoluta do PP, reflexan que se gastaron nos servizos de Lixo, Recadación, Protección Civil, Cultura e Servizos sociais a contía de 702.035,88 euros, con subvencións de 442.043,90 € e unha aportación do concello de 236.229,10 €. Tal e como apuntan “a oposición non tivo a opción de ser informada ao detalle e as contas tampouco foron fiscalizadas polo secretario/interventor”.

O voceiro do PSdeG-PSOE en Leiro, Manuel Rodríguez Vázquez, subliña que “se as contas do 2023 da Mancomunidade xa son de por si opacas, podemos imaxinarnos como son as do concello, contrarias ao principio de transparencia, tal e como acreditou a Valedora do Pobo”. Neste senso, o edil socialista tamén apunta que as contas “son contrarias ao principio do bo goberno, lonxe da eficacia e a eficiencia na xestión dos 702.035,88€, por non falar da xestión do servizo de augas, financiado con taxas pagadas polo veciños e veciñas, ao igual que o servizo do lixo e parte dos servizos sociais”.

Rodríguez Vázquez pon o foco nas “mentiras continuadas” do alcalde, Francisco José Fernández, nos medios de comunicación dende o ano 2017, xa que segundo apunta “a información aportada mentía e manipulaba a realidade ao afirmar que as contas da Mancomunidade estaban presentadas e aprobadas polo Consello de Contas de Galicia, algo que non era certo, tal e como denunciamos por activa e pasiva as e os socialistas”.

Dende o PSOE de Leiro lembran que con data 24/11/2021, a comisión de representantes socialistas dos concellos da Mancomunidade do Ribeiro presentou no Consello de Contas de Galicia un informe de denuncia sobre a xestión delegada polos concellos da mancomunidade, correspondente ao período 2017 a 2020. O 30 de maio de 2024, o Consello de Contas de Galicia presentou o seu informe de fiscalización das mancomunidades, cun ámbito temporal focalizado no exercicio de 2020, estendéndose aos exercicios de 2016 a 2019 e ao de 201, e no que tal e como apuntan dende o PSOE “queda ben claro que o Consello de Contas non fiscalizou, nin aprobou conta algunha da mancomunidade”.

Informe do Consello de Contas

Entre outros obxectivos o informe do Consello de Contas contempla:

–      A análise das principais magnitudes da situación económica-financeira.

–      A avaliación da situación económica a escala na xestión das prestacións encomendadas ás Mancomunidades.

A análise abarca:

–      Comprobar que as contas xerais do 2016 a 2020 cumpran co previsto segundo a lexislación vixente, relativa á formación, publicidade, aprobación e rendición de contas xerais.

–      Comprobar o cumprimento da remisión da información de custos e rendementos das mancomunidades na conta 2020. En concreto, as memorias de custos e rendemento dos servizos e as notas 26 “información sobre os custos das actividades” e 27 “indicadores de xestión”.

–      Analizar o cumprimento para os anos 2016-2020 da remisión da información contractual, dos acordos contrarios aos reparos da intervención e das anomalías en materia de ingresos e dos acordos con omisión do trámite de fiscalización previa.

–      Verificar a normativa de transparencia, acceso á información pública e bo goberno no relativo á publicidade activa da información económica, orzamentaria e estatística.

–      Verificar a información sobre o custo dos servizos (CESEL) proporcionada polas mancomunidades.

O Consello de Contas de Galicia neste informe, corrobora todas e cada unha das irregularidades e anomalías denunciadas, na xestión dos recursos públicos por parte da Mancomunidade do Ribeiro. Tales como:

– A imposibilidade de validar os custos indirectos do programa 920 Administración Xeral, por non existir  coherencia nos datos, deteriorando a calidade do cálculo do custo efectivo dos servizos das entidades e invalidándoos como información útil para a análise da situación da Mancomunidade.

– O cumprimento parcial nas contas da mancomunidade, de contemplar con carácter obrigatorio, dentro da memoria, entre outras as notas 26 e 27, relacionadas coa adecuación entre custos e os ingresos, principalmente, naquelas actividades financiadas mediante taxas ou prezos públicos.” De feito a Mancomunidade do Ribeiro, segundo o informe do Consello de Contas, non depositou dita información, relativa ao custo efectivo dos servizos prestados”

– A pouca fiabilidade e coherencia da información sobre a xestión elaborada pola Mancomunidade do Ribeiro, impedindo o uso da mesma como ferramenta útil na toma de decisións.

– O incumprimento sistemático por parte da mancomunidade dunha completa publicidade activa das contas anuais.