________________________________________________
O Carballiño será o escenario na última Fase de Niveis de patinaxe artística na modalidade de libre de ano 2024 nunha cita que reunirá a 229 patinadoras e patinadores pertencentes a 28 clubs do sur de Galicia e que se celebrará o sábado en xornada de mañá e tarde, dende as 10,00 ata as 20,00 horas, e o domingo en horario de mañá.
O evento está convocado pola Federación Galega de Patinaxe baixo a organización do Club Aehde O Carballiño, e celebrarase no anexo do pavillón polideportivo Paco Chao. O club carballiñés participará cunha ducia de patinadoras repartidas entre os niveis un ao tres.
Por outra banda, o Club Aehde tamén organiza neste mes de outubro o Campionato Galego de Rollercross e a Copa Deputación da mesma modalidade, citas que coincidirán o domingo día 13 na Praza do Emigrante e para os días 16 e 17 de novembro celebrarase a sétima edición do trofeo Vila do Carballiño de patinaxe artística na modalidade de libre.