O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, desprazouse esta mañá ao Carballiño para visitar aos 98 emigrantes que se aloxan na Residencia de Tempo Libre dentro do programa ‘Reencontros con Galicia’, no que participan galegas e galegos maiores de 65 anos procedentes de Venezuela, Cuba, Brasil, Arxentina e Uruguai, e que permanecerán na vila do Arenteiro ata o vindeiro 19 de outubro. Antonio Rodríguez, acompañado por Manuel Pardo, delegado territorial da Xunta en Ourense, departiu cos residentes e animounos a desfrutar da súa estancia e das actividades de lecer que lles teñen preparadas na Residencia.

O delegado autonómico na provincia lembrou a odisea das galegos e galegos que se viron na obriga de cruzar o Atlántico buscando novas metas cara os países do centro e do sur de América. Pola súa banda, Antonio Rodríguez deulles a benvida aos emigrantes, “aos que Galicia lles abre o seus brazos para que poidan voltar á súa terra” e reencontrarse coas súas familias nos seus lugares de orixe.
O programa ‘Reencontros con Galicia’ e conta con máis de 30 anos de experiencia e se desenvolve en colaboración coa Consellería de Política Social e Igualdade, permitindo que 200 galegos e galegas maiores de 65 anos e residentes no exterior poidan gozar de diversas actividades de lecer e visitas culturais durante a súa estadía, do 8 ao 19 de outubro. Ademais, percorrerán diferentes localidades e cidades galegas para coñecer o patrimonio cultural e natural do país. Os participantes estarán aloxados nas residencias de tempo libre da Xunta de Galicia en Panxón e Carballiño.
A Secretaría Xeral da Emigración ten como obxectivo promover a participación da colectividade galega no exterior na vida cultural e social de Galicia, mantendo os vínculos coa súa terra de orixe, xa que, segundo destacou Rodríguez Miranda, “os nosos maiores son fundamentais para transmitir ás xeracións nacidas no exterior ese sentimento especial cara a Galicia, garantindo que eses lazos nunca se rompan”.