O Concello licita a nova iluminación do templo e da praza da Veracruz

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

O novo alumeado e iluminación artística do templo e da praza da Veracruz é un dos primeiros proxectos que xa ten no seu poder o Concello do Carballiño, e que, xunto con instalacións semellantes na antiga igrexa parroquial e na Praza Maior suporán un investimento de 150.000 euros dentro do Plan de Sostibilidade Turística que se executará con fondos europeos e que ascende a un orzamento dun millón de euros. O alcalde, Francisco Fumega, adiantou que en vindeiras datas dará comezo o proceso para a licitación dos traballos de instalación do novo alumeado da contorna da obra de Antonio Palacios, que ascenden a un orzamento aproximado de 100.000 euros. O proxecto, elaborado pola empresa Auditesa e que contará con un sistema de aforro enerxético con luz led, xa foi supervisado pola Dirección Xeral de Patrimonio e dispón de tódolos permisos necesarios para a súa execución.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

O Plan de Sostibilidade Turística, que ascende a un investimento total de un millón de euros, tamén contempla a ampliación do paseo fluvial do Arenteiro dende a contorna da Ponte Veiga ata O Bañiño de Arcos, cun orzamento de 75.000 euros, e a reconstrucción do muíño e da maquinaria do futuro Museo do Papel de Galicia, cun investimento de 165.000 euros. Ademais, realizarase unha intervención de saneamento da masa forestal do Parque Municipal e contorna do río Arenteiro, cunha partida de 150.000 euros, mentres no camping municipal acometerase a instalación de sistemas de subministro con enerxía solar e de eficiencia térmica, con 145.000 euros. Por outra banda, destaca o destino de 60.000 euros para o proxecto de visibilización da actividade das pulpeiras e doutros 45.000 á creación dun produto turístico de base enogastronómica, coa colaboración da Asociación de Pulpeiros do Carballiño.