Hoxe máis de cen persoas participaron na cuarta etapa do Camiño a Santiago da Xeración Nós entre O Irixo e Os Carballiños en Vilatuxe (Concello de Lalín).
A actividade estivo organizada por Roteiros de Lalín, Roteiros de O Carballiño e o Concello de O Irixo. O percorrido de 17 quilómetros está caracterizado pola esgrevia paisaxe de montaña dos Montes do Testeiro, subindo polo alto da Romiña (820 metros de altitude) seguindo Camiño Vello dos Arrieiros que foi recuperado para esta ocasión.
Pasouse polas covas que foron minas de volframio, polo muíño do río, a Ermida do Fondo visitando a capela da Candelaria, onde o poeta Luis Tosar leu a crónica da viaxe que fixeron en 1926 os membros da Xeración Nós do grupo de Ourense: Vicente Risco, Otero Pedrayo, Lois Feixoo, Antón Sanchez e Monxardín.
Seguiuse pola cima do alto da Romiña, o lugar de Ermida do Medio, e xa en terras de Lalín, por Espiño, A Castiñeira, A Saborida, Balagosa e Lodeirón con final no lugar de Os Carballiños, onde antigamente houbo unha feira.
Os organizadores agradecemos a participación e a acollida fantástica da xente das terras de O Irixo, un Concello marabilloso que ten moito que ofrecer. En breve continuaremos coas seguintes etapas desta fermosa peregrinación por este camiño que é o camiño do galeguismo e da fe e do amor por Galicia.