O Centro Multiusos de Boborás acolleu hoxe o encontro “Impulsando o emprego no territorio”, no marco da Rede de polos de emprendemento e apoio o emprego impulsado pola Consellería de Comercio e Emprego da Xunta de Galicia, e que se concreta nun proxecto piloto para toda a comarca. Á inauguración desta xornada asistiu o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández; os alcaldes do Carballiño, Francisco Fumega, e Maside, José Manuel Iglesias; técnicos e representantes de empresas e autónomos. Pablo Fernández referíuse ao xeito de vencellar as políticas de emprego co propio territorio comarcal, poñendo en contacto a institucións, axentes sociais, empresas e traballadores.
Pola súa banda, Francisco Fumega, destacou a importancia deste tipo de xornadas para o desenvolvemento do emprego e a posta en valor das iniciativas locais. O encontro foi clausurado ao mediodía polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo.
O Polo de Emprendemento do Carballiño dá cobertura tamén ás comarcas do Ribeiro e Santa Águeda e prestou asesoramento a un total de 129 proxectos dende a súa posta en marcha no ano 2022, abarcando diferentes sectores, nos que predominan as actividades profesionais, científicas e técnicas, cun 18%; seguidas de hostalería, un 17%, e o comercio, cun 16%, co dato senlleiro de que o 56% das persoas emprendedoras son mulleres.
Na oficiña deste Polo, ubicadas no Centro Comarcal, préstase asesoramento de xeito gratuíto a calquera persoa que desexe emprender un negocio ou consolidar o que xa posúe. Esta oficina é unha das catro en funcionamento na provincia de Ourense, xunto coas do Barco de Valdeorras, Baños de Molgas e Verín, que xa suman un total de 430 proxectos asesorados.