O Concello de Piñor achega ás familias o uso responsable das novas tecnoloxías

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

O Concello de Piñor informa da realización dun obradoiro para as familias do municipio baixo o epígrafe “Novas tecnoloxías: uso responsable”, que se desenvolverá o vindeiro 28 de outubro, dende as 17,30 h., no Centro Social da Albarona, e que está incluído no Programa de Educación Familiar que está financiado pola Consellería de Política Social e Xuventude e polo plan operativo FSE Galicia 2021-2027. Este programa, que leva ofrecendo o Concello de Piñor dende o ano 2006, ademais de traballar con familiares de forma individualizada, leva a cabo actividades comunitarias destinadas a traballar obxectivos concretos. Un deles é “Promover espazos de encontro de nais e pais enfocados á formación compartida e mellora da educación familiar”, polo cal, periódicamente téntanse ofertar iniciativas de formación ás familias sobre temáticas de relevancia á hora de educar ou protexer ás súas fillas e fillos.

A temática escollida nesta ocasión é o “uso saudable de novas tecnoloxías”, incluíndo internet, redes sociais, videoxogos e teléfono móbil. Trátase dun tema que afecta a tódolos fogares, pois as novas tecnoloxías están aí e son empregadas polos menores dende idades incluso moi temperás. Partindo de dita realidade, é importante dar ás familias as ferramentas para que ese uso sexa o menos daniño posible. Ademais de falar das vantaxes destes medios, falarase de métodos para educar no bo uso, de feito, tódolos asistentes recibirán un agasallo que lles facilitará esta tarefa. Destacar que o concello pon a disposición das familias durante a actividade un servizo de conciliación para atender a menores de 3 a 12 anos, totalmente gratuito, polo que é importante comunicar o interese en dito servizo no momento da inscrición. Dende o Concello de Piñor anímase a participar nesta iniciativa, para a cal é preciso inscrición previa no teléfono 988403236 ou no email educacionfamiliar.pinor@gmail.com.