A crise política xerada no Concello do Irixo o pasado mes de xullo pola postura de rexeitamento dos orzamentos amosada por un dos concelleiros do equipo de goberno non desmotiva á alcaldesa, Susana Iglesias, para manterse no seu posto “e seguir traballando polos veciños do municipio, que non van a notar nada na xestión do día a día”, según asegura a cabeza de lista de Xuntos polo Irixo, grupo que comparte co PSOE un mandato que comezou no mes de agosto de 2023. Nesas datas do ano pasado, os tres ediles de Xuntos uníanse aos dous socialistas para derribar cunha moción de censura a Manuel Cerdeira, do PP, que con catro concelleiros gobernaba en minoría dende a súa toma de posesión, no anterior mes de xuño. O pacto entre Susana Iglesias e Iago Fariñas, o cabeza de lista do PSOE, ademais das asignacións económicas, fixaba á primeira na Alcaldía ata o 20 de Maio de 2026, momento no que sería relevada polo segundo ata as eleccións municipais de 2027.
Sen embargo, no mes de xullo do presente ano, a proposta de orzamentos de Susana Iglesias, que supostamente contaba co apoio de todo o grupo de goberno, foi rexeitada cos votos en contra dos catro edís do PP mailo do seu compañeiro de Xuntos polo Irixo, Juan Manuel Villanueva. A partires dese intre, o exalcalde Cerdeira contraatacou solicitando a convocatoria dun pleno extraordinario para plantexar unha moción de confianza vencellada á non aprobación dos devanditos orzamentos. O resultado foi que a maioría da Corporación (os catro concelleiros do PP e o díscolo Villanueva) deixaron sen competencias delegadas á alcaldesa e á xunta de goberno local e, tamén, sen os salarios que os integrantes desta viñan percibindo dende agosto de 2023.
Unha difícil situación que, na actualidade, non inflúe na teima de Susana Iglesias de continuar exercendo o seu cargo para atender aos problemas da veciñanza, porque, como ela mesma lembra, “quería un cambio no Irixo”.