A directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asinou hoxe co alcalde de Beariz, Manuel Prado, a aprobación provisional dun Plan Básico de ordenamento urbanístico para o municipio, que permitirá á veciñanza e ao propio Concello coñecer o a delimitación de espazos cara o futuro desenvolvemento construtivo e de infraestruturas. Manuel Prado agradeceu á Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas o remate da redacción deste planeamento, previsto na Lei do Solo para concellos de menos de 5.000 habitantes que polas súas características urbanísticas non precisan dun plan xeral de ordenación. Neste sentido, o alcalde de Beariz subliñou que a posta en marcha deste plan permitirá dar resposta ás iniciativas cidadás, á vez que “proporcionará seguridade xurídica tanto a promotores coma construtores”.
As veciñas e veciños de Beariz terán a oportunidade de formular alegacións e suxerencias durante o periodo de dous meses ao que a aprobación inicial do plan estará sometida á información pública, podendo utilizar uns modelos tipo que estarán á súa disposición nas oficiñas municipais, e tamén poderán facer consultas ao equipo redactor nas datas que o Concello anunciará nos vindeiros días. Pola súa banda, Encarnación Rivas destacou que este planeamento fixará as categorías de solo rústico que definirán as afeccións sectoriais, a protección e os asentamentos de vivendas.
Neste sentido, a planificación delimitará os núcleos rurais de Beariz, que son o modelo das 39.000 entidades de poboación que existen en Galicia, nas qua as vivendas están vencelladas esencialmente á explotación dos recursos naturais, coma o cultivo de hortas, a explotación forestal e a cría de gando. Rivas asegurou que “o obxectivo é vivir no rural e do rural”.