A ‘Casa do Zapateiro’ do Irixo converterase nun museo referente da Xeración Nós

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

O Concello do Irixo adquiríu a coñecida como Casa Vella do Zapateiro, ubicado ao carón da praza maior da capitalidade municipal, co obxectivo de transformala nun centro cultural de referencia da Xeración Nós, polo vencellamento deste inmoble ao percorrido de 105 quilómetros realizado por un grupo de galeguistas entre Ourense e Santiago de Compostela no ano 1926, o agora chamado ‘Camiño de Nós’. O obxectivo desta compra é o acondicionamento do antigo edificio da praza Manuel Penedo para acoller diferentes seccións de contido cultural, coma unha biblioteca e un museo etnográfico adicado a esta particular ruta xacobea e aos seus protagonistas, tendo en conta que este roteiro está á espera de ser declarado “itinerario cultural” pola Xunta de Galicia.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

A ‘Casa do Zapateiro’ acollía nos primeiros anos do século XX unha fonda e un taller de reparación de calzado, e foi alí onde se detiveron a descansar os sete galeguistas ourensáns que estaban a percorrer a pé a ruta a Compostela. Eles eran Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo, Florentino López Cuevillas, Alfonso Monxardín, Antón Sánchez, Lois Feixóo e Xavier Pardo, todos eles integrantes do Seminario de Estudos Galegos. Recollendo esta efeméride, en 2021 constituíase a Asociación de Concellos do Camiño de Nós, que dous anos despois acordou solicitar da Consellería de Cultura a súa declaración de itinerario cultural. Este colectivo está formado polos concellos de Ourense, Amoeiro, Maside, O Carballiño, O Irixo, Lalín, Silleda, A Estrada, Vedra, Boqueixón e Santiago de Compostela, coa participación da Deputación de Ourense e a Fundación Ínsua dos Poetas.

Ademais da incorporación desta edificación ao patrimonio municipal, o Concello do Irixo está a levar a cabo diversos traballos de acondicionamento en varias localidades, que corren a cargo do obradoiro de emprego Arrieiros IV. A alcaldesa, Susana Iglesias, tamén destacou a laboura que se está a desenvolver no ámbito social con actividades didácticas e de lecer para a veciñanza.