Inauguración da Botica de Doade

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Este xoves tivo lugar o acto de inauguración da Botica de Doade.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

As 11 h a recepción e benvida no Centro Social de Doade.

A continuación teñen lugar as intervencións valorando a importancia da Botica de Doade no contexto cultural e patrimonial.

Ao rematar fanse as visitas guiadas por grupos á botica e finalizase cun Xantar.

Deulles a benvida aos asistentes o tenente Alcalde Tomás José Sancho Candedo xa que o Alcalde Manolo Prado incorporouse máis tarde ao acto por compromisos institucionais.

En representación da Deputación intervén Patricia Torres, que resalta o valor engadido que traerá esta actuación para toda a comarca.

Interviron tamén : Sandra Quintas, Miguel Ángel Álvarez Soaje, Andrés Nicolás Floro, Luis Serantes. E Cecilio Venegas Fito

Entre os asistentes ao acto hai unha nutrida representación do sector farmaceutico con representantes incluso de Extremadura e Valencia.

GALERIA DE FOTOS

Na páxina web do Concello de Beariz pódese ver unha infografía e unha reseña de todo o proceso seguido para darlle forma a este proxecto.

Podes acceder á visita 3D da botica de Doade PREMER NA IMAXE

Xi Fotografía

Cesión

O Alcalde de Beariz e María Fe Fernández Somoza, herdeira da botica de Doade, asinaron un convenio para o establecemento e conservación dun museo ou colección visitable na botica de Doade (Beariz). Este acordo do ano 2014 cunha duración de 25 anos fixo posible o acceso a un espazo que ilustra de xeito único como era a profesión dun sanitario na Galicia de finais do século XIX e principios do XX. Para a posta en valor do establecemento e do seu contido o concello de Beariz afrontou nun primeiro momento a realización das obras de restauración do chan e o mobiliario de madeira que estaba afectado por humidades e xilófagos, ademais de mellorar a instalación eléctrica e a iluminación do local. Estas obras que ascenderon a un total de 56.700,00€ foron realizadas grazas a unha subvención da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia de 48.100,00€ Seguidamente procedeuse a inventariar o contido relacionado coa botica que resultou nun total de 2708 fichas que identifican os elementos expostos. Este inventario exhaustivo foi realizado por María Vitoria Folgueira Fariña entre os meses de abril e xullo de 2021. Próximamente poderase iniciar o programa de visitas guiadas ao local previa reserva no concello. Ademais púidose realizar unha visita virtual que nos ofrece a oportunidade de entrar na botica a través da tecnoloxía 3d desde diversos dispositivos e con explicacións en vídeo.

Importancia da Botica de Doade

A antiga botica de Doade pódese converter nun espazo divulgativo da historia sanitaria da comarca, así como da particular actividade profesional dun dos últimos “boticarios” da nosa Comunidade. O proxecto de restauración e rehabilitación trata de revivir a contorna dun profesional sanitario cuxa labor diaria pode aínda recoñecerse nos restos dos produtos químicos e medicamentos conservados no local.

En base á gran cantidade de remedios terapéuticos e do instrumental de laboratorio conservados podemos afirmar que esta antiga botica pode ser considerada como unha das máis interesantes de Galicia desde o punto de vista histórico e científico, non xa pola súa antigüidade, senón pola gran variedade e estado de conservación de todas as pezas que alberga; sen dúbida, a súa rehabilitación supoñerá un referente neste tipo de museos de farmacia a nivel nacional, a un nivel similar ao da farmacia Couceiro de Betanzos (Coruña) ou a farmacia Merino de León. Do mesmo xeito que estes e outros establecementos similares, que reflicten a imaxe da botica urbana dos séculos XIX e XX, a colección de produtos e envases que alberga esta botica é dun enorme interese cultural e científico pero non menor que o propio local, destacando neste punto a distribución dos seus espazos internos que, ao noso entender, representa un aspecto destacable fronte a outras boticas-museos, moitas das cales comparten a súa faceta museística coa súa vixente actividade comercial-profesional que levou, en moitos casos, a reorganizar os seus espazos concentrando todas as pezas e mobiliario en zonas concretas das mesmas, alleas, xa que logo, á súa distribución e localización orixinais. Pola contra, a botica de Doade presenta íntegramente todo a seu mobiliario e pezas distribuídos nos seus lugares orixinais, manténdose, igualmente, a distribución orixinal de cada unha das dependencias da botica, cos seus respectivos obxectos e utensilios. O visitante atoparase cun local dividido e adecuadamente organizado en espazos funcionais (zona pública, zona de lectura, despacho e laboratorio), cada unha albergando as pezas orixinais que facilitan a interpretación de cada actividade profesional, o cal debemos ás particulares condicións históricas que rodearon a vida do seu último propietario, que evitaron a lóxica e natural evolución da súa actividade profesional que levaría á desaparición das diversas funcións que cada sala debía desempeñar nas antigas boticas ata mediados do século XX. Este aspecto é tanto ou máis interesante que a colección de pezas e produtos que alberga esta antiga botica e é o que lle outorga unha orixinalidade destacada respecto de outros establecementos similares e, por iso, entendemos que a conservación desta botica debe ser un obxectivo prioritario.

Esta botica permaneceu aberta ao público desempeñando un destacado labor sanitario en toda a comarca desde finais do século XIX ata mediado o século XX; trátase, xa que logo, dun establecemento que marcou a historia sanitaria da zona durante máis de 60 anos, estando considerada sempre como un centro de atención sanitaria para xentes que, ata, procedían de localidades como distancia.

Carballiño, situada a 40 quilómetros de En Doade asistimos a un dos últimos exemplos daquelas boticas “clásicas”, que representaban a tradicional actividade sanitaria baseada na elaboración de remedios terapéuticos e nos coñecementos científicos dun profesional que, tal e como ocorre na actualidade, ostentaba unha formación académica que abarcaba outros moitos ámbitos da vida diaria, sempre en aras do beneficio sanitario da poboación circundante. Neste caso, lonxe de estar ante un establecemento modesto (dado o seu illamento xeográfico respecto doutras localidades da provincia) estamos ante un local altamente cualificado e variedade, quizá debido a esas mesmas condicións e circunstancias de illamento. O complexo escola-museo de farmacia pode converterse no futuro nun centro divulgador da historia da docencia e a sanidade nesta comarca, servindo como foco promotor de actividades culturais, non só para Beariz, senón para toda a Comunidade galega.

Miguel Alvarez Soaje Ldo. en Farmacia Dr. en Historia da Ciencia


Reproducimos o artigo publicado por Andrea Veiga na revista dixital https://www.gciencia.com/

A restauración da botica de Doade trae de volta a farmacia rural do século XX

O museo inaugurarase o 24 de outubro, contará con 4.000 pezas e tamén se poderá visitar de forma virtual grazas ao 3D

Cunha vida acelerada, custa virar a vista ao pasado. Con todo, isto é o que intenta o Concello de Beariz (Ourense) coa restauración dun dos seus establecementos emblemáticos para convertelo en museo: a botica de Doade. Este espazo ilustra de xeito único o oficio dun farmacéutico en Galicia dende finais do século XIX ata os anos 60. “Ten moita importancia para a nosa profesión”, explica Miguel Álvarez Soaje, un dos colaboradores do proxecto, xunto aos farmacéuticos Nicanor Floro Andrés Rodríguez e Luis Serantes García, sobre esta exposición que se inaugurará o próximo 24 de outubro.

Hai recoñecidas farmacias antigas en Galicia, como a Doutor Couceiro (Betanzos), a de Fabeiro-Vila (Negreira) e Peñamaría (A Fonsagrada). Non obstante, estas seguen a funcionar, e contan con ordenadores, lámpadas modernas, cables e xente traballando, polo que perden, en certa madeira, a súa esencia. Mentres, “a de Doade é a única en Galicia na que o tempo se detivo”, di Álvarez Soaje, pois salvo uns apliques á vista, todo o exposto é orixinal e está perfectamente conservado.

“Un, cando entra alí, ve unha botica pequena e rural, pero completa”, converténdose no valor máis especial para o colaborador. Materia prima, medicamentos, instrumental de laboratorio e mobiliario farmacéutico conforman este espazo, que pasou de ser unha oficina de farmacia a un lugar divulgativo e representativo da comarca.

De clínica veterinaria a museo

O fundador da farmacia, Darío Janeiro, e o seu sucesor, Jose Janeiro, tiveron unha clara importancia na sociedade de Beariz na súa época. Probablemente foran os únicos licenciados en quilómetros á redonda, tal e como apunta Álvarez Soaje, tamén doutor en Historia da Ciencia. “Estes homes tiñan que facer de todo”, segundo o tenente alcalde, Tomás Sancho, quen explica que prestaban diñeiro á xente e interpretaban documentos oficiais. Os farmacéuticos rurais do século XX solucionaban problemas diarios, tanto sanitarios coma burocráticos e económicos.

Mais a historia da botica de Doade rematou: o último titular cedeu o recinto ao xubilarse, sen descendentes, ao seu irmán veterinario. O establecemento seguiu activo a través doutra actividade similar, aínda que poucos anos despois volveu pechar. Con todo, cando comezou este proxecto de restauración en 2014, a pesar do bo estado do espazo, estaba tamén desordenado, con elementos engadidos pola actividade veterinaria.

O proceso de transformación cara ao museo arrincou cunha obra mínima na que se tratou a madeira da farmacia. Posteriormente, inventariáronse as numerosas pezas coas que conta a colección, unha tarefa en mans de Victoria Folgueira, conservadora-restauradora de bens culturais, e o seu axudante, Jesús Rodríguez Ayude. Mentres, Álvarez Soaje coordinou a reorganización orixinal dos espazos e dos medicamentos nas estanterías pertinentes, seguindo unha orde cronolóxica e funcional. Estas convertéronse nas claves para traer de volta o espírito farmacéutico.

Distribución orixinal

Segundo o farmacéutico, outro elemento a destacar deste recinto é a distribución de espazos. Mantense a disposición orixinal, cunha zona pública central sobre a que xiran o resto de salas: o despacho, a zona de estudo e a rebotica “ofrecen unha visión directa da sala principal”.

Destes, hai un que destaca sobre os demais: o laboratorio, que constitúe aproximadamente o 35% do total. “Isto revela a importancia que tiña a elaboración de medicamentos”, explica o historiador. Deste xeito, consérvase todo o material desta zona de traballo e un gran número de medicinas que tiveron que ser separadas polo seu perigo. Por exemplo, os tóxicos tiveron que gardarse nun moble aparte e gran parte dos frascos protexéronse tras pantallas de metacrilato nas estanterías con fácil acceso para o público.

“Toda a farmacia está disposta para que o visitante poida contemplar todo”, afirma. A través deste modus operandi, mantense a orixinalidade desta botica rural e da súa actividade inicial: instrumental de laboratorio sobre a mesa, as receitas sobre o estudo do farmacéutico, papeis na zona de despacho…

Unha colección de 4.000 pezas

A botica de Doade, composta por arredor de 4.000 pezas, complétase grazas á diversidade de mobiliario e instrumental que alí se conserva. A través das súas estanterías, pódese trazar unha visión xeral da evolución do medicamento. Moitos destes medicamentos pertencen aos anos 30, ao período de entreguerras, cando se estableceu a industria farmacéutica actual en Francia e Alemaña.

Outras medicinas consérvanse nos seus tarros orixinais, moitos deles con deseño francés. Tamén destaca a presenza de augas medicinais, pois “por aquel entón, as farmacias dispensaban este tipo de productos con utilidade terapéutica”. Entre as medicinas de uso diario, tamén se comercializaban velenos, como a estricnina, o beleño ou a dixital. Un dos máis curiosos é a triaca magna, un medicamento empregado dende a Idade Media e formado por máis de 60 compostos.

A pesar de atoparse no rural, a partir da Segunda Guerra Mundial, “a distribución farmacéutica en Galicia non era moi distinta á de hoxe en día”, informa Álvarez Soaje. Isto explicaría a presenza de produtos internacionais en Beariz, froito de relacións en Congresos de Farmacéuticos, as revistas médicas e os visitadores. Probablemente, segundo o farmacéutico, os subministros procedían de Madrid, Vigo e A Coruña. Nesta última fase, tras a Guerra Civil e a Segunda Guerra Mundial, estableceuse o medicamento industrializado, unha etapa que a de Doade experimentou poucos anos, polo que estas especialidades teñen unha representación máis reducida no conxunto.

Unha viaxe pola historia da Farmacia

Esta visita pola farmacia galega non é só física, senón que tamén se ofrece unha experiencia virtual. Un día, Miguel Álvarez Soaje e Tomás Sancho preguntáronse: “Como podemos ir máis aló?”. Coa fin de achegar a botica a un público máis amplo, xurdiu a idea da visita en 3D, presentado por Xi Fotografía, a través da toma de miles de imaxes. “É un contraste moi interesante e unha forma de facilitar o acceso”, opina o investigador.

Despois de anos traballando nesta restauración, a principal baza coa que contan dende o Concello de Beariz é “sorprender a xente cunha viaxe no tempo”. Como unha vía de ensino diferente, este local reaparece como unha caixa chea de curiosidades, dirixida a unha audiencia potencial que abrangue dende escolares ata personalidades do eido farmacéutico.

Con todo, a importancia non só reside no contexto divulgativo galego, senón nun plano máis amplo. Álvarez Soaje forma parte da asociación “Aromas Itinerarium Salutis”, con sede en Valencia, coa que ven de constituir o Itinerario cultural europeo de las farmacias históricas y jardines medicinales, recoñecido xa oficialmente polo Consello de Europa o pasado mes de setembro. Agora, a botica de Doade xa está dentro, e só é cuestión de tempo que pase a formar parte deste. Así, “ábrese unha vía moi interesante”, pois pasará a estar referenciada na relación de itinerarios culturais de Europa.

“Espérase que isto sexa como un empurrón para a visibilidade e o percorrido da botica de Beariz no futuro”, aclara Álvarez Soaje. O obxectivo a longo prazo, en palabras do historiador, é a posible creación dun museo de maior tamaño no edificio, con salas de exposicións temporais, no que podería ser o primeiro Museo da Farmacia de Galicia.