O BNG de Leiro propón axudas para material escolar na etapa de Educación Infantil no CEIP Emilia Pardo Bazán

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Leiro, 24/10/2024 – O grupo municipal do BNG de Leiro, a través da súa concelleira Rebeca Paz Vázquez, vén de presentar unha moción para ser debatida no próximo Pleno municipal, coa que se solicita a creación dunha liña de axudas destinadas a sufragar o material escolar para os nenos e nenas de 3 a 5 anos que cursan Educación Infantil no colexio público Emilia Pardo Bazán.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Acceso igualitario á educación: Un dereito básico

Na súa exposición de motivos, a concelleira do BNG subliña a importancia de garantir o acceso en igualdade de condicións á educación, unha das bases fundamentais que debe promover calquera administración pública. Dada a situación económica actual, marcada polo aumento da inflación e o encarecemento dos produtos básicos, moitas familias teñen cada vez máis dificultades para asumir os custos relacionados coa escolarización dos seus fillos e fillas.

Rebeca Paz Vázquez destaca que na franxa de idade correspondente á Educación Infantil (3 a 5 anos) non existen axudas por parte da Xunta de Galicia, o que xustifica a necesidade de que o concello asuma a responsabilidade de apoiar ás familias mediante políticas que promovan a igualdade de oportunidades.

Propostas concretas para apoiar ás familias de Leiro

Entre os acordos que se propoñen na moción, inclúense os seguintes puntos:

  1. Creación dunha partida orzamentaria específica nos próximos presupostos municipais para a concesión destas axudas.
  2. Elaboración das bases reguladoras que permitan beneficiar ao maior número de familias posible.
  3. Garantir a accesibilidade das axudas ás familias con dificultades económicas, asegurando que o orzamento sexa suficiente para cubrir as necesidades reais.
  4. Coordinación coas institucións educativas locais para facilitar o acceso á información e axilizar o proceso de solicitude.
  5. Estudo da viabilidade para estender estas axudas a outras etapas educativas no Colexio Público Emilia Pardo Bazán de Leiro.

Coa presentación desta moción, o BNG de Leiro reafirma o seu compromiso coa educación pública de calidade e coa promoción da igualdade de oportunidades, buscando que ningunha familia do concello quede sen o apoio necesario para afrontar os custos derivados da escolarización.