A Consellería de Cultura está a financiar unha nova fase de excavación no Castro de Cameixa, en Boborás, onde se levan a cabo traballos de consolidación e acondicionamento, co obxectivo de ampliar a súa investigación e revalorización, e que contan cun orzamento de 17.300€, aportados polo citado departamento autonómico. Estas tarefas veñen dar continuidade ás campañas anteriores, realizadas desde 2018, para favorecer a posta en valor deste sitio histórico de obrigada referencia na bibliografía especializada porque permitiu reformular os distintos períodos da cultura castrexa. Os labores, cun período estimado de 15 días, concéntranse en limpezas e roza de vexetación da contorna, na diagnose do estado de conservación e na consolidación dos restos arqueolóxicos descubertos. Ademais, tamén se fará un levantamento topográfico en tres dimensións da área de actuación e un debuxo das estruturas exhumadas. Todo isto complétase coa recollida de mostras e documentación gráfica.
Esta mañá, as obras foron visitadas polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e a alcaldesa do municipio, Patricia Torres, que valoraron a importancia deste tipo de actuacións cara a investigación do rico patrimonio etnográfico e histórico da provincia e, en concreto, de Boborás, ademais do seu impacto como un atractivo turístico máis. Os traballos, dirixidos polo arqueólogo Jorge Lamas, están centrados na intervención dunha área de entre 80 e 100 metros cadrados, que supón unha ampliación das campañas realizadas nos anos anteriores, e nas que a Xunta de Galicia investíu un global de 75.000 euros dende a primeira, en 2018.
Na provincia de Ourense, con oito accións en 10 localidades, o Goberno galego colabora cos concellos na recuperación patrimonial da Cibdá de Armea en Allariz, un xacemento castrexo romanizado no que se está a intervir, e na posta en valor do antigo mosteiro de San Xoán de Camba en Castro Caldelas, con labores que están aínda por comezar. Tamén na revalorización da cámara megalítica e o seu túmulo na mámoa 1 de Veiga de Maus Salas, en Muíños. Ademais, este verán levouse a cabo a limpeza e roza de vexetación nos castelos da Limia, titularidade da Xunta, un conxunto composto pola Torre do Castro, no concello de Sandiás, o Castelo da Pena, en Xinzo de Limia, e a Torre de Firbeda, en Porqueira.
A estes proxectos, súmanse en Avión os traballos de escavación e conservación previstos no Castro de San Vicenzo; en Beariz, a escavación e consolidación artellada sobre o Castro de Garfián; en Boborás, a actuación contemplada no Castro de Cameixa, e, en Nogueira de Ramuín, varios procesos en execución que teñen que ver co mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, coa paraxe de Santa Baia e coa capela de San Miguel de Canal. A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude fai un investimento total no Plan de intervencións arqueolóxicas 2024 de 551.162€, destinando á provincia de Ourense 166.400€.