O vindeiro 9 de novembro, o historiador limiao Edelmiro Martínez Cerredelo (Miro) recibirá o Premio Pedra Alta, que anualmente concede o Padroado do Museo da Limia.

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Xulio Prada Rodríguez, decano da Facultade de Historia do Campus de Ourense, será o encargado de entregarlle o Pedra Alta ao agasallado.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

A laudatio do premiado, nesta VII edición, correrá a cargo do Presidente do Centro de Cultura Popular do Limia e membro do Consello Asesor do Museo, Manuel Seoane Feijoo.

O acto, aberto ao público, comezará ás 11:30 horas cunha xornada de portas abertas no Museo e desenvolverase formalmente ás 12:00 horas no salón multiusos do Concello de Vilar de Santos. Concluirá cun expléndido cocido de fraternidade limiá no restaurante Novaíño de Sandiás. Quen desexe acudir ao xantar, custeado integramente polos asistentes, debe inscribirse e aboar o importe da comida antes do vindeiro día 6.

O premio consiste nun diploma de recoñecemento e nunha réplica do menhir atopado na Lagoa da Antela, coñecido como Pedra Alta, aportación altruísta do escultor limiao, Xosé Lois Carreira. O acto de entrega da distinción, aberto a cantos queiran asistir.

O acompañamento musica correrá a cargos de alumnos/as do Conservatorio Profesional de Xinzo de Limia.

[Edelmiro Martínez Cerredelo (Miro) (Xinzo de Limia, 1946), Fillo Predilecto de Xinzo de Limia en 2022, é merecente do recoñecemento en base aos seguintes méritos:

No ano 2006, Edelmiro obtén o título de Graduado Universitario Sénior pola Universidade de Vigo no campus de Ourense. Desde entón, acomete un intenso e fecundo traballo de investigación e difusión centrado na memoria máis próxima das terras da Limia, un campo case ermo antes del. Ese mesmo ano, aparece o seu primeiro libro, A prensa en Xinzo de Limia. Século XX (1911-1925). Dous anos máis tarde, ve a luz a monumental Historia e memoria. A Limia:1931-1953.

O labor pescudador e divulgador de Edemiro Martínez non cesa, indagando mesmo en períodos máis afastados: Julián Toubes (1796-1870. O correxedor que quixo desecar a lagoa (2009); Historia de Xinzo de Limia (2012); Xinzo de Limia na memoria (2016).

Tres das súas obras abordan a traxectoria de manifestacións lúdico-culturais do territorio: Antela Fútbol Club. Centenario 1919-2019 (2019); O Entroido en Xinzo de Limia. Tradición. Respecto. Sentimento (2021); Historia Musical de Xinzo de Limia (2021).

Entre tanto, colabora con varias revistas (Lethes, Raigame, A Palloza, Lúa Nova; etc.) e con diversos xornais ( Nós Diario, La Región, Dende A Limia).

Edelmiro Martínez Cerredelo ilumina cos seus traballos e co seu saber distintas épocas da historia da chaira limiá que dormían no silencio e no esquecemento, espléndido agasallo para a veciñanza que se pode reconciliar agora co seu pasado e fai memoria de persoas e acontecementos que propiciaron A Limia de hoxe.

Na persoa de Miro, o Museo da Limia quere renderlle unha homenaxe aos eruditos locais que mercé ao seu esforzo e teimosía tanto levan contribuído ao coñecemento da historia que nos nos é máis próxima]

BASES DO PREMIO PEDRA ALTA

1º.- O Premio Pedra Alta terá un único galardoado e a súa periodicidade será anual.

2º.- Poderán ser candidatos/as as persoas físicas, asociacións ou institucións vivas, cuxa obra, accións, creacións, achegas garden relacións estreitas ou vaian dirixidas ás Terras do Limia. Tamén poderán ser merecentes do Premio as persoas, asociacións ou institucións vivas moi identificadas co territorio aínda que a súa obra ou actividade se proxecte fóra do mesmo.

3º.- Cada membro do Consello Asesor poderá propor as candidaturas que considere oportunas.

4º.- Correspóndelle ao Consello Asesor debater as propostas recibidas e as que se formulen directamente, nunha xuntanza que deberá celebrarse en outubro e elevar á Xunta Directiva un ou varios candidatos.

5º.- Tamén serán consideradas as propostas que cheguen avaladas cando menos por cinco persoas ou por unha asociación ou institución das Terras do Limia.

6º.- Correspóndelle á Xunta Directiva resolver sobre a Proposta do Consello Asesor, concedendo ou deixando deserto o Premio Pedra Alta.

7º.- O Premio Pedra Alta entregarase no mes de novembro e consistirá nunha copia en granito do menhir coñecido co mesmo nome, situado no corazón da Antela que, de xeito altruísta, elaborará o escultor e membro do Consello Asesor, Xosé Lois Carreira, e máis un diploma acreditativo que confeccionarán os tamén membros do citado órgano, Manolo Seoane e Lola Peláez.

8º.- No acto solemne de entrega haberá unha lección maxistral do/a premiado/a, precedida dunha laudatio por parte da persoa que este mesmo decida previamente.

Vilar de Santos, 31 de outubro de 2024