Luís Milia pon de relevo “o positivo” do novo plan único de financiamento de concellos posto en marcha pola Deputación grazas ao esforzo e compromiso do PSdeG-PSOE.
“Xa era hora que a Deputación se dese conta que con este mecanismo de reparto sobre criterios obxectivos son todos os municipios da provincia os que saen ganando”, destaca o rexedor.
“Antes a Deputación decidía de xeito caciquil o reparto e a que se destinaban os cartos, sen tomar en consideración as auténticas necesidades da veciñanza”, subliña o voceiro provincial socialista.
Carballeda de Avia, 13 de novembro de 2024. O alcalde de Carballeda de Avia, Luís Milia, puxo de relevo “o positivo” do novo plan de financiamento dos concellos da provincia (CooperOu) posto en marcha pola Deputación de Ourense “grazas ao traballo dos meus compañeiros socialistas, que foron quen de facer que a corporación provincial entrase en razón”.
Milia aproveitou a visita das deputadas e deputados do Grupo Provincial Socialista na Deputación, que acudiron para avaliar o estado de avance de diferentes proxectos en marcha neste concello, para salientar o “impacto positivo” do CooperOu impulsado polo PSdeG-PSOE.
“En virtude do plan único os concellos podemos planificar porque sabemos a cantidade que nos corresponde ao comezo de cada exercicio e, deste xeito, no momento de facer os orzamentos podemos integrar as obras que realmente precisa a veciñanza”, explica o rexedor.
Este concello percibía 77.000 euros anuais até a aprobación do CooperOu. Trala posta en marcha deste novo mecanismo de financiación, que se basea en criterios obxectivos, Carballeda de Avia pasou a recibir arredor de 370.000 euros, tralas modificacións de crédito tamén impulsadas polos socialistas, a finais de 2023 e ao longo deste ano económico.
Novo modelo fronte ao caciquismo do PP
Segundo Luís Milia, “xa era hora que a Deputación se dese conta que con este mecanismo de reparto de fondos sobre criterios obxectivos non só se favorece ao concellos da oposición, senón que son todos os municipios da provincia os que saen ganando”.
O voceiro do Grupo Provincial Socialista na Deputación estima que “a través do noso traballo os concellos da provincia conseguiron achegas económicas inéditas, nunca vistas e sobre a base de criterios obxectivos, o cal era unha vella demanda do PSdeG-PSOE”.
“Anteriormente, amais de contar con moitos menos recursos, o obxecto das obras viña determinado de xeito caciquil por parte da Deputación”, destaca o deputado e voceiro do Grupo Provincial Socialista, Álvaro Vila. “Porque era a Corporación Provincial a que decidía canto e a que se destinaban os cartos, sen tomar en consideración as auténticas necesidades e urxencias da veciñanza”, sostén Vila.
“Os socialistas esperamos poder seguir colaborando coa Deputación para mellorar a calidade de vida das cidadás e cidadáns, que é do que se trata, para que a Corporación estea ao servizo de todas as veciñas e veciños da provincia”, conclúe o alcalde de Carballeda de Avia.