O Consello da Xunta deu o visto e prace aos decretos polos que se aproban o escudo
e a bandeira deste municipio ourensán
― O Goberno autonómico leva aprobados un total de 285 escudos e bandeiras das
entidades locais de Galicia atendendo ás peticións dos concellos para adoptar os
seus símbolos segundo o decreto que os regula
O Consello da Xunta deu hoxe o visto e prace aos decretos polos que aproban o escudo e
a bandeira do concello ourensán de Ribadavia, que xa recibiran informe favorable na
reunión da Comisión de Heráldica do pasado 28 de outubro.
Este órgano consultivo da Xunta de Galicia, adscrito á consellería competente en
materia de réxime local, é o encargado de emitir informes vinculantes de aprobación,
modificación ou rehabilitación de escudos heráldicos e bandeiras das entidades locais
galegas.
Segundo vén definido no decreto, no caso do Ribadavia a bandeira leva o pano azul e, ao
centro, unha torre de branco flanqueada do sol e a lúa de amarelo.

No caso do escudo é de azur (azul) e sobre ondas de prata (branco), a ponte defendida
de prata e, nos flancos, o sol e a lúa de ouro (amarelo). Ao timbre, a coroa real pechada.

O Goberno galego leva aprobados un total de 285 escudos e bandeiras das entidades
locais de Galicia no seo da Comisión Heráldica da Xunta, tras a petición dos respectivos
concellos de adoptar, modificar ou rehabilitar os seus símbolos, en aplicación do
Decreto 19/2010, do 11 de febreiro, que os regula.
Os municipios e as demais entidades locais de Galicia poden adoptar escudos heráldicos
e bandeiras propios e privativos, modificar os xa existentes ou rehabilitar os que historicamente se empregasen, baseándose sempre en feitos históricos ou xeográficos
característicos e peculiares do seu territorio e conforme as normativas de heráldica.
Ningunha entidade local de Galicia poderá utilizar escudo heráldico ou bandeira que non
fosen aprobados polo Consello da Xunta de Galicia, sen prexuízo daqueles que foron
aprobados pola Administración do Estado con anterioridade á transferencia de
competencias a favor da Comunidade Autónoma de Galicia