Talía Teatro representa este domingo “Unha inimiga do pobo” no Auditorio do Carballiño

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

O Auditorio Manuel María do Carballiño acolle o vindeiro domingo, 1 de decembro, ás 19,00 horas, a representación dunha das obras de teatro maís galardoadas nos últimos tempos. Trátase de “Unha inimiga do pobo”, unha montaxe que dirixiu Tito Asorey para a compañía Talía Teatro, con nove actrices e actores na escea, e que vén sendo a adaptación dunha das pezas máis significativas da literatura dramática universal, escrita por Henrik Ibsen hai 140 anos. A presentación desta función teatral tivo lugar hoxe na Casa do Concello coa presenza do concelleiro de Cultura, Diego Fernández, e o director da compañía, Artur Trillo.

O edil de Cultura subliñou que “vimos dunha semana intensa de cinema e agora imos ter no Carballiño a unha das compañías senlleiras do teatro galego, creada no 1988, e ao seu fundador e director, Artur Trillo, cunha obra con nove nominacións aos Premios María Casares deste ano, dos que conseguíu gañar sete”. Pola súa banda, Trillo destacou que “este é o mellor espectáculo nos 35 anos de historia de Talía e do que xa levamos feito 50 representacións en localidades de toda Galicia”. O fundador da compañía engadiu que “vai ser moi atractivo para a xente do Carballiño, xa que a trama céntrase nunha vila termal na que unha doctora (irmá do alcalde) descubre que as augas do seu balneario están contaminadas, e xurde a pregunta de facémolo público ou seguimos vivindo do termalismo?”.

Neste sentido, o texto de Ibsen segue a servir de material inflamable para denunciar unha forma de facer política, a que antepón os beneficios económicos á saúde da poboación, ao tempo que permite reflexionar sobre o poder dos medios de comunicación á hora de moldear a opinión pública e colocala no lugar no que ao poder lle interese. “A obra convida ao espectador a unha reflexión”, conclúe Artur Trillo.