A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, puxo hoxe en valor a oliveira como cultivo emerxente en Galicia e o beneficio que supón na diversificación de plantacións e na ordenación e dinamización do territorio. Foi durante a súa visita á almazara da Arnoia, en Ourense, na que estivo acompañada pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e o alcalde da localidade, Rodrigo Aparicio. A conselleira definiu esta construción como un exemplo de patrimonio arquitectónico vinculado ao rural e salientou a súa utilidade no aproveitamento do recurso que representan as oliveiras. Así mesmo, destacou tamén o potencial deste cultivo para fixar poboación e crear riqueza no agro.

Por todos estes motivos, engadiu Gómez, a Consellería está impulsando, precisamente, medidas para mobilizar terras e poñelas en produción, tales como as parcelarias ou as ferramentas da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Así, tal e como sinalou a conselleira, as permutas, os polígonos agroforestais, as aldeas modelo ou as agrupacións de xestión conxunta favorecen a posta en valor de terras abandonadas ou infrautilizadas, “dándolle unha nova vida ao rural”, remarcou.

Ademais, Gómez fixo referencia á riqueza desta zona do Ribeiro no que atinxe ao viñedo, como factor histórico de dinamización do territorio rural e indicou que, do mesmo modo, tamén se dan unhas adecuadas condicións de solo e clima para a oliveira. Engadiu que a Xunta é consciente desta realidade e do potencial dos cultivos emerxentes, e por iso apoia esta tendencia con medidas de ordenación, fomento e promoción. Iniciativas como as leis de recuperación da terra ou da calidade alimentaria, no eido da ordenación; as liñas de axudas ao sector, no do fomento; e o Plan Saborea calidade diferenciada de Galicia, no da promoción.