Un proxecto educativo elaborado por estudantes do Instituto de Educación Secundaria Número Un (IES Nº1) do Carballiño recibiu o recoñecemento da Consellería de Sanidade nos premios aos mellores traballos sobre VIH e Infecións de Transmisión Sexual (ITS) correspondentes á convocatoria do ano pasado. O proxecto “Ten saúde con Don” foi deseñado no curso 2023-2024 por alumnado de 3º e 4º de ESO e de 1º de Bacharelato baixo a dirección e coordinación de Cristina Domínguez Moure, profesora de Bioloxía do centro de ensino carballiñés, e consistí una realización de actividades de sensiblización de toda a comunidade educativa sobre ter prácticas sexuais seguras e a prevención das ITS. Durante a execución do proxecto, os estudantes elaboraron vídeos e cartelería relacionados con esta temática e nas aulas de Filosofía e Galego organizaron debates e unha especie de ‘xogo de rol’ sobre a visión que ten a sociedade dos enfermos de VIH, tal e como lembrou Cristina Domínguez.
O programa “Ten saúde con Don” foi acredor do segundo premio que concede a Consellería de Sanidade na categoría de mellores proxectos galegos sobre VIH e outras ITS, que foi recollido pola propia profesora en compañía do alumnado participante, o pasado venres, nun acto que tivo lugar na sede central deste departamento autonómico en Santiago de Compostela e no que participou o conselleiro, Antonio Gómez Caamaño, e co que se conmemorou o Día Internacional da Sida. O primeiro galardón foi para “A saúde sexual”, coordinado pola profesora Eva Ríos Cobas do IES Río Miño de Rábade (Lugo) con alumnado de terceiro de ESO.
Na categoría de investigación científica, o primeiro premio foi para o artigo “Meningococcal carriage in men who have sex with men presenting at a sexual health unit in Spain”, do que é autor Alexandre Pérez González, do Servizo de Medicina Interna do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo, Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IISGS). O segundo premio foi para o artigo: “Plasma Human Immunodeficiency Virus 1 RNA and CD4+ T-Cell Counts Are Determinants of Virological Nonsuppression Outcomes With Initial Integrase Inhibitor-Based Regimens: A Prospective RESPOND Cohort Study”, do que é autora Hortensia Álvarez Díaz, do Servizo de Medicina Interna do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol.
Na categoría á mellor intervención sanitaria sobre VIH e outras ITS resultou ganador “Deixa a túa pegada”, da Sociedade Española de Urxencias e Emerxencias (Semes Galicia), e na categoría de Intervención social, o premio foi para “VIH Ciencia Aberta”, de Eva Poveda López, do Grupo de Viroloxía e Patoxénese do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur.