O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, acompañado da directora xeral de Urbanismo, asistiu á inauguración da mostra das propostas presentadas no concurso para o deseño desta instalación
O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, asistiu hoxe na sede da Fundación RIA á inauguración da exposición das propostas presentadas no concurso para o centro social multiusos en Muimenta, no concello ourensán de Carballeda de Avia. A Xunta vai financiar esta actuación a través do Plan de Investimentos, financiado con fondos europeos, cunha achega de máis de 285.300 euros.
Os proxectos que recolle esta mostra, á que tamén asistiu a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, son resultado dun concurso de arquitectura promovido polo Concello de Carballeda de Avia, co apoio da Fundación MOP, da Fundación RIA e o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. As bases do concurso dirixiron o deseño do centro social como un espazo flexible, multifuncional, que permita o desenvolvemento de actividades sociais, culturais, recreativas, económicas ou formativas, fomentando as relacións interxeracionais da comunidade de Muimenta, tanto a existente como cos novos habitantes.
O proxecto seleccionado, titulado Socalcos, foi destacado pola súa capacidade para conservar as características do terreo, evitando alteracións significativas e mantendo un forte vínculo coa topografía natural da parcela.