A construcción dun centro social multiusos é un dos alicerces da aldea modelo de Muimenta, situada no municipio de Carballeda de Avia, e que se convertirá nunha realidade ao abeiro do anuncio realizado pola Xunta de Galicia para apoiar económicamente este proxecto. Concretamente, o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar vai financiar esta actuación a través do Plan de Investimentos, financiado con fondos europeos, cunha aportación superior aos 285.300 euros. Esta nova foi feito pública onte polo xerente do Consorcio, Perfecto Rodríguez, na visita que levou a cabo na sede da Fundación RÍA coincidindo coa inauguración da exposición das propostas presentadas ao concurso de ideas para o devandito centro social, e que tamén contou coa presenza de Encarnación Rivas, directora xeral de Urbanismo.
O alcalde de Carballeda de Avia, Luis Milia, valorou o éxito desta convocatoria, a que concurriu un número importante de propostas, e apuntou que obxectivo deste centro é que “as persoas maiores de Carballeda teñan unha vida saudable e así evitar que se marchen do seu pobo e poidan realizar actividades que os manteñan activos”. Asemade, o rexedor subliñou que “tamén é un xeito de crear emprego e asentar a poboación, porque a xente que traballa neste tipo de residencias vive e crea unha familia en Carballeda, e xa temos no sector un centenar de empregos na actualidade”.
Os proxectos de centro social recollidos na exposición son o resultado dun concurso de arquitectura promovido polo Concello de Carballeda de Avia, co apoio das fundacións MOP e RÍA e o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. As bases do concurso dirixiron o deseño deste inmoble coma un espazo flexible e multifuncional que permita o desenvolvemento de actividades sociais, culturais, recreativas ou formativas, fomentando as relacións interxeracionais do pobo de Muimenta. O proxecto finalmente seleccionado, ‘Socalcos’, do estudio Based Architecture, de Bilbao, foi destacado pola súa capacidade para conservar as características do terreo, evitando alteracions significativas, e mantendo o vencellamento coa topografía natural da parcela.