A Deputación destina preto de 70.000 euros para colaborar con 46 agrupacións de Protección Civil

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Na Xunta de Goberno semanal tamén se aprobaron 142.734 euros para axudas a diferentes concellos da provincia, así como 12.000 euros para a Asociación Cultural Xan de Arzúa para a Festa do Boi e 5.881,99 euros para melloras na Igrexa da Merced de Verín

Ourense, 9 de decembro de 2024.

A Xunta de Goberno da Deputación, na súa sesión ordinaria semanal, vén de mobilizar un total de 230.278,52 euros para colaborar con 46 agrupacións de voluntarios de Protección Civil da provincia e para cooperación cos concellos e entidades

Polo que se refire o concurso público para a concesión de subvencións ás agrupacións de voluntarios de Protección Civil de concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades ou agrupacións de concellos, o importe total das axudas é de 69.662,53 euros, que se distribuirán entre 46 agrupacións.

Estas achegas foron concedidas aos grupos de voluntarios dos concellos de A Gudiña, A Bola, Pereiro de Aguiar, Cartelle, Ribadavia, Avión, Riós, Castro Caldelas, Rairiz de Veiga, Parada de Sil, Manzaneda, A Rúa, O Carballiño, O Bolo, San Cristovo de Cea, Esgos, Nogueira de Ramuín, Celanova, San Xoán de Río, Muíños, Os Blancos, Sarreaus, Viana do Bolo, Bande, Calvos de Randín, Baltar, Beariz, Gomesende, Cualedro, Cortegada, Allariz, A Veiga, Piñor, Vilamarín, Castrelo de Miño, Maceda, Xinzo de Limia, Vilariño de Conso, Carballeda de Avia, Vilardevós, Entrimo, A Mezquita, Petín, Vilamartín de Valdeorras, A Pobra de Trives e a agrupación da Mancomunidade Terras de Celanova.

Outras entidades ás que se lles concederon achegas económicas na sesión desta mañá foron a Asociación Cultural Xan de Arzúa para a Festa do Boi (12.000 euros), así como os Padres Mercedarios de Verín, para realizar melloras na igrexa da Merced da vila do Támega (5.881,99 euros).

No que respecta a concellos, concedéronse 142.734 euros que estarán destinados a melloras de infraestruturas municipais e de iluminación pública, así como arranxos de vías e para reforma integral de fachada e illamentos en inmobles municipais.

Estratexia de sostibilidade na provincia

Por último, a Xunta de Goberno aprobou o documento estratéxico A2030 da Deputación, que inclúe a diagnose da provincia, analizando o territorio en profundidade e permitindo coñecer o seu estado en relación cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), unha estratexia provincial de sostibilidade que sintetiza os retos aos que se lles debe facer fronte na provincia, cun plan específico para a integración destes conceptos na xestión provincial.

Así, este plan de acción contempla unha batería de propostas a desenvolver a medio e longo prazo que marcan o camiño para achegar a Deputación aos obxectivos programáticos das Nacións Unidas e da Unión Europea.