A violencia de xénero é unha dos problemas máis graves na sociedade actual e así o refrexan os datos que manexa o Ministerio do Interior, cun total de 43 vítimas mortais adultas e nove menores asasinados no que vai deste ano 2024. A nivel de Galicia, o número de mulleres asesinadas é de catro ata o momento, cun total de 564 casos activos de violencia de xénero, dos cales 350 corresponden ao rural, según os datos da Garda Civil, e que suponen un incremento significativo respecto a anos anteriores. Un aumento que é consecuencia “de que agora hai moitas máis denuncias porque as mulleres atrévense a dar ese paso, concretamente, no tramo de idade que vai dos 35 aos 50 anos, sobre todo no rural respecto da cidade”, según manifestou Alida Iglesias, xefa da Unidade contra a Violencia de Xénero da Subdelegación do Goberno en Ourense.
Na actualidade, no municipio do Carballiño están rexistrados pola Unidade de Violencia de Xénero (Viogen) da Garda Civil un total de 25 casos activos, dos que 22 deles están suxeitos a medidas xudiciais de prevención, aproximación e comunicación, ademais doutras vítimas adultas e varios casos de menores en situación de vulnerabilidade. Estes datos foron postos en común durante a reunión que mantivo ao mediodía de hoxe na Casa do Concello a Mesa de Coordinación para atención ás vítimas de violencia de xénero, presididad por Alida Iglesias e a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Silvia Baranda, e na que participaron as traballadoras do Centro de Información á Muller (CIM) e representantes da Policía Local e da Garda Civil.