A cita estaba prevista para as 11 da mañá, e ao Centro de Servizos Sociais Alvetus chegaron hoxe puntualmente as nenas e os nenos do CEIP Virgen de Guadalupe de Avión, mentres as persoas maiores residentes esperaban no salón de actos. O motivo, celebrar unha xornada de convivencia interxeracional, unha actividade vencellada a estas datas de Nadal e que estivo promovida conxuntamente polas direccións respectivas do fogar residencial e o colexio público. Os residentes recibiron á cativada co canto de panxoliñas, despois de que os estudantes, acompañados polo seu profesorado, fixeron un percorrido polas instalacións para finalmente ocupar cadeiras ao seu carón e intercambiasen verbas de saúdo.
A continuación, as alumnas e os alumnos protagonizaron un pequeño concerto de panxoliñas, que recitaron acompañados por música e no que tamén bailaron seguindo unhas coreografías previamente ensaiadas, que os maiores de Alvetus acompañaron facendo coros e palmas. Un encontro que chegou ao corazón tanto dos estudantes coma dos residentes, que amosaron o seu xúbilo e ledicia pola celebración de esta actividade navideña na que xeracións moi diferentes participaron dunha mañá moi gratificante, na que tamén se intercambiaron agasallos.
Jéssica Moreno, directora de actividades de Alvetus, valorou o entusiamo co que os maiores do centro traballaron na confección manual dos adornos de Nadal e dos agasallos, mentres Antía Castro, directora do CEIP Virge de Guadalupe, comentou que os escolares prepararon as súas panxoliñas e unhas golosinas figurativas para os residentes.