O campo municipal do Outeiro Grande de Maside acolleu ao longo de toda a mañá de onte a celebración do ‘Torneo Solidario’ de fútbol 8, que chegou á súa sexta edición da man das Escolas Deportivas Terras de Maside, e coa participación dos equipos de Club Deportivo Cea, Ribadavia Atlético e Escola de Fútbol de Lalín, ademais dos pertencentes á agrupación organizadora. O obxectivo desta iniciativa, según nos comentaba Juan Romero, director de Terras de Maside, é que os conxuntos participantes aporten alimentos non perecedoiros que logo serán entregdos a Cáritas Parroquial do Carballiño, “e tamén xoguetes para as nenas e nenos do municipio e que donamos ao Concello para que os distribúa, porque o noso lema é ‘Ningún neno de Maside sen xoguetes’”.
Asemade, os organizadores tamén venderon rifas entre os asistentes ao torneo para o sorteo de produtos dos patrocinadores do equipo local, de xeito que toda a recadación vai para a asociación Aspadisi, cun taller ocupacional e un fogar residencial na vila do Arenteiro, e que integra a persoas discapacitadas das comarcas carballiñesa e do Ribeiro.