As iniciativas das veciñas e veciños de localidades pertencentes a Boborás para conmemorar e festexar o Nadal coa elaboración de laboriosos e artesanais nacementos xa están incorporadas á tradición da comarca carballiñesa. E é que xa son moitas as persoas que, dende diferentes puntos da xeografía de Galicia, se achegan dende hai máis dunha década ata este municipio para admirar os artísticos beléns confeccionados polas familias de Figueiroa, un pobo da parroquia de San Martiño de Cameixa, e que recentemente, tamén teñen a súa réplica na parroquia de San Xoán de Laxas e no centro urbano da capitalidade deste Concello.
Xa mesmo na entrada de Figueiroa, o patio da vivenda de María Dolores Moreira e Jaime Mella é todo un espectáculo de figuras artesanais que representan diferentes estampas de oficios do rural galego, con pastores, galiñas, porcos e outros animais de cortello, ou os Reis Magos, que avanzan día a día cara un dos nacementos instalados, xa que tamén hai outra agochado nunha moi ben remoledada cuba de viño, entre outros elementos decorativos.
Un chisco máis adiante, e tras pasar por unha eira chea de pequenas réplicas de animais, obra de Manuel Cuñarro, atópase a finca onde José Luis Sotelo, “O Rubio”, expón un belén moi animado con música latina, nu recinto cunha entrada custodiada por axentes de policía e un percorrido escoltado por varias ‘vedettes’, ata chegar á escena do nacemento, na que está a disposición dos visitantes un caderno onde poden rexistrar a súa orixe de procedencia. Case ao final da aldea, unhas casiñas de madeira poñen o remate ao itinerario en Figueiroa, que a partires desta fin de semana ofrecerá algunha que outra sorpresa.
Continuando coa ruta, a un quilómetro aproximado de distancia está a localidade de Laxas, na que un grupo de veciñas e veciños, Digna Rozadas entre elas, decidiron seguir o modelo de Figueiroa con diferentes escenas representativas do Nadal con figuras elaboradas exclusivamente en madeira, co obxectivo de que o pobo non perda a súa identidade e poida ser coñecido por xente de fóra. No núcleo urbano da capitalidade de Boborás, as figuras do mítico ‘apalpador’ e outras vencelladas co nacemento de Xesús aparecen ubicadas na rúa principal, compartindo espazo coa Casa do Concello, o Centro de Saúde e a farmacia.