Nos últimos anos a chegada dos Reis Magos ó Carballiño convertiuse nunha das grandes citas de Galicia nestas datas. O Templo da Veracruz, que este ano pasado celebrou o 150 aniversario do nacemento do seu arquitecto, é o espazo perfecto para acoller este espectáculo único, onde a música, o xogo de luces, a pirotécnia e o circo eran os protagonistas de dar comezo á recepción real para continuar co desfile de carrozas ata a Casa do Concello. Neste mes de xaneiro do ano novo, a mala previsión metereolóxica, levou nos últimos días ó Concello do Carballiño a traballar en dúas alternativas, manter o formato clásico ou trasladar o evento ó Auditorio Manuel María. Finalmente, hoxe venres, logo dunha reunión de seguridade, decidiuse mudar o espectáculo, e realizar a segunda opción, ante a alta probabilidade de chuvias intensas e vento.
Así, o vindeiro domingo, día 5, terá lugar a Gran Recepción Real no Auditorio a partir das 5 da tarde, cunha duración aproximada de dúas horas. Este espazo garante a comodidade e a seguridade necesaria, ademais de permitir realizar un evento con música e son. Asemade, a xornada tamén contará con sorpresas e animación, co fin de manter a maxía nun dos días máis importantes para os máis pequenos. Dende o Concello do Carballiño lembran a importancia das compras no comercio local, un texido vital para a nosa vila, e tamén animan a visitantes a vir a celebrar estas datas na hostalaría do Carballiño.