O debate da moción de censura para destituír a Susana Iglesias da Alcaldía do Irixo será o vindeiro 13 de xaneiro

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

A alcaldesa do Irixo, Susana Iglesias, vén de convocar para o vindeiro 13 de xaneiro, luns, a sesión plenaria na que se debatirá a moción de censura presentada conxuntamente polo PSOE e o Partido Popular para destituíla ao frente da Corporación municipal. A hora do Pleno está fixada para as 12,00 horas e a proposta das dúas formacións políticas que asinan a censura é que Susana Iglesias, de Xuntos polo Irixo, sexa substituída pola concelleira socialista Rosa María Dalama. O pasado 6 de decembro, os grupos municipais do PSOE e do Partido Popular do Concello do Irixo rexistraron a moción de censura, orientada á destitución da actual alcaldesa, Susana Iglesias, de Xuntos polo Irixo, que goberna en minoría dende o pasado verán tra-lo paso ao grupo mixto do seu compañeiro de candidatura, Juan Manuel Villanueva, e, posteriormente, coa dimisión do voceiro socialista, Iago Fariñas, e a retirada do apoio desta formación política.

A moción foi presentada polos catro concelleiros populares, Manuel Cerdeira, María José Villanueva, José Luis Alén e José Manuel Nogueira, e pola edil socialista María Dolores Fariñas, que entrou na Corporación para substituír a Iago Fariñas, e nela propoñen como candidata á alcaldía a Rosa María Dalama, tamén do PSOE e asinante do mesmo documento. Os asinantes desta moción suman cinco escanos, o que supón a maioría absoluta da Corporación fronte aos dous actuais de Xuntos polo Irixo (Susana Iglesias e Tamara Civeira), sen contar co apoio de Rosa María Dalama, e tendo en conta que Juan Manuel Villanueva non pode participar na votación por telo feito xa na que asinaron en agosto do ano pasado Xuntos e PSOE para destituir ao popular Manuel Cerdeira como alcalde, tra-la súa toma de posesión no mes de xuño.

Os cinco ediles que presentan a proposta de destitución xustifícana en base a actitude “dictatorial e prepotente” que, según eles, vén amosando Susana Iglesias dende que tomou posesión, “que non foi capaz de aprobar o orzamento do Concello ou de convocar a xunta de goberno local”, ademais de indicar “a súa nefasta capacidade para gobernar”, entre outras consideracións.

Pola súa banda, Susana Iglesias subliñou que “dame tristura e dóeme moito políticamente o que fai esta xente, pero non me doe como muller e concelleira”. A alcaldesa apunta que “levan xogando todo o tempo para botarme a min da alcaldía e nunca se preocuparon polos intereses dos veciños, xa que formamos Xuntos polo Irixo precisamente para loitar polos dereitos destes, e nunca estiveron tan atendidos como agora a nivel se servizos sociais”. Iglesias engade que “a miña compañeira e eu desta saímos reforzados e seguiremos loitando polos nosos veciños”.

Con respecto á participación do grupo socialista do Irixo nesta iniciativa, a Comisión Executiva provincial do PSdeG-PSOE de Ourense emitiu un comunicado no que, aseguran que a moción de censura “é totalmente allea á Comisión Executiva Provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, e mesmo á agrupación local socialista de O Irixo”, e engaden que, “segundo informacións recibidas, a devandita moción xurde no seo da conflitiva dinámica municipal que se deriva da xestión e o comportamento da alcaldesa actual, Susana Iglesias, de Xuntos polo Irixo, quen goberna en minoría desde o pasado verán”.