O controvertido inmoble ubicado na finca de As Barcias, ao carón do Parque municipal do Carballiño, foi demolido para dar cumprimento a normativa urbanística vixente e que tanto colectivos sociais e grupos políticos viñan demandando dende hai décadas. Unha empresa especializada en demolicións é a encargada de levar a cabo estes traballos de derrubo, retirada de escombros e acondicionamento posterior da parcela, que se prolongarán por un periodo máximo de dous meses segundo o contrato adxudicado polo Concello do Carballiño, que ascende á cantidade aproximada de 57.300 euros. Esta obra é posible ao abeiro do Plan de Sostibilidade Turística en Destino que foi concedido polo Goberno do Estado, según nos comenta o propio alcalde, Francisco Fumega.
O coñecido como ‘Chalé das Barcias’ incumplía o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) do Carballiño, que entrou en vigor no 1999 e no que se declara a parcela onde foi construído (na metade dos anos 80) e o resto da finca como zona verde, tra-la recalificación urbanística realizada pola Corporación municipal a iniciativa dos colectivos sociais que estaban agrupadas na Plataforma pola Defensa do Parque. En consecuencia, e dado que antriormente era chan urbanizable, o Concello viuse na obriga de acometer un proceso de expropiación e indemizar aos propietarios das Barcias, que abarca unha superficie de 42.000 metros cadrados, cunha cantidade superior aos 1,1 millóns de euros.
Durante todos estes anos, o inmoble permaneceu nun total estado de abandono, sendo saqueado e obxecto de actos vandálicos, e incluso foi utilizado por drogodependentes e como albergue de ‘okupas’. O seu estado de deterioro e ruina motivou ao Concello a tomar medidas preventivas, como o valado e precintado das instalacións, para finalmente conseguir o seu derrubo e así poder incorporar a parcela ao resto da superficie da finca das Barcias, e anexala ao Parque coma unha paraxe natural máis.