A sesión foi presidida polo concelleiro máis vello, José Manuel Nogueira, do PP (asistido pola edil máis xove, a propia Tamara Civeira), que deu lectura ao escrito da moción, rexistrada o pasado 26 de decembro. Os cinco ediles que presentan a proposta de destitución xustificáronna en base a actitude “dictatorial e prepotente” que, según eles, vén amosando Susana Iglesias dende que tomou posesión, “que non foi capaz de aprobar o orzamento do Concello ou de convocar a xunta de goberno local”, ademais de indicar “a súa nefasta capacidade para gobernar”, entre outras consideracións.
Mentres a candidata proposta á Alcaldía e o voceiro do PP, Manuel Cerdeira, declinaban intervir no Pleno, sí o fixo Susana Iglesias, que agradeceu e loubou o traballo desenvolto por Tamara Civeira e os membros activos da súa candidatura e relatou os logros conqueridos neste último ano e catro meses no goberno municipal, ao que chegaron Xuntos e PSOE (tres e dous concelleiros, respectivamente) tras asinar un moción de censura ao entón alcalde, o popular Manuel Cerdeira, en agosto de 2023. Na súa intervención, Iglesias calificou de “traidor” a Villanueva e de “tránsfugas” ás dúas concelleiras socialistas, e referiuse aos edís do PP como “catro investigados por un delito de prevaricación”. Asegurou que “voltaremos con máis forza, máis sabiduría e máis intelixencia”. Asemade, repetíu as críticas que verqueu contra Cerdeira na campaña electoral de 2023.
Pola banda do PSOE, só falou María Dolores Fariñas, que recriminou a Iglesias non ter respetado o pacto de goberno e acusouna de adicarse únicamente “á confrontación, ao ataque e á manipulación” en canto de chegar a acordos de consenso. Finalmente, Rosa María Dalama foi investida como alcaldesa, manifestando a súa máxima responsabilidade, axuda e adicación á veciñanza, á vez que asegurou non existir, polo de agora, un pacto de goberno co Partido Popular, á espera de que convoque unha próxima sesión plenaria para definir a organización da Corporación.