Expourense promociona en FITUR a feira ‘Termatalia Colombia 2025’, a gran cita internacional dos profesionais do turismo de saúde

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

‘Termatalia Colombia 2025’ presentouse en FITUR-Madrid co obxectivo de posicionar a Colombia coma un dos grandes destinos termais de América. A Feira Internacional de Turismo Termal, Saúde e Benestar que organiza Expourense celebrará este ano a súa 23ª edición, a sexta en América. A cita será do 24 ao 26 de setembro de 2025 na municipalidade termal de Paipa, no departamento colombiano de Boyacá. Esta edición especial foi presentada esta tarde no stand de Galicia en FITUR-Madrid, nun acto ao que acudiron numerosos representante públicos e privados do sector turístico e termal de España e Colombia, ademais de touroperadores e medios de comunicación procedentes de gran parte da trintena de países que cada ano participan nesta feira.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

A presentación de ‘Termatalia Colombia 2025’ correu a cargo do director da feira, Rogelio Martínez, quen agradeceu a aposta de Colombia por converterse en sede desta cita internacional ineludible para os profesionais do sector, e na que en cada edición participan expositores e visitantes procedentes dunha trintena de países de Europa e América Latina, principalmente. Martínez indicou, asemade, que “esperamos que Colombia obteña os mesmos éxitos cá en edicións anteriores, e cuxos organizadores teñen dito que a celebración de Termatalia no seu país supuxo un antes e un despois no desenvolvemento e promoción dos seus recursos termais”.

Despois de El Callao-Lima (Perú) en 2012, Las Termas de Río Hondo (Argentina) en 2014; Saltillo (México) en 2016, Foz de Iguaçú (Brasil) en 2018 e Salto y Paysandú (Uruguay) en 2023, a municipalidade de Paipa (sempre da man do departamento de Boyacá e de Procolombia) asume agora o reto de ser a sede física deste evento e de recibir aos profesionais dunha trintena de países. A feira consolida a alternancia de sede de celebración entre Ourense e un país de América, que se viu interrompida en 2020 pola pandemia e foi recuperada en 2023 coa celebración de ‘Termatalia Uruguay’.

Termatalia é xa unha cita consolidada como a principal ponte termal entre Europa e América Latina, ao tempo que contribúe á promocionar internacionalmente o turismo de saúde de Ourense en concreto e o de Galicia en xeral. E este papel de ponte quedou patente ao traverso das intervencións das autoridades que acompañaron ao director da feira durante a presentación: o alcalde de Paipa, Germán Camacho; o secretario de Turismo de Boyacá, Richard Pulido; o presidente de Balnearios de España e do Instituto para a Calidade Turística e a Sostibilidade de España (ICTES), Miguel Mirones; o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e o deputado provincial de Turismo e Termalismo de Ourense, Rosendo Fernández, que tamén estiveron acompañados por Xosé Manuel Merelles, director da Axencia de Turismo de Galicia.

Rogelio Martínez explicou aos asistentes os obxectivos da feira para que comprendesen o interese de Paipa, Boyacá e Colombia por converterse en sede desta cita internacional, xa que Termatalia é un centro de negocios do turismo de saúde e da industria termal, e, tamén, un foro de formación e capacitación especializada. O director da feira apuntou, neste sentido, que “esta feira é unha excelente oportunidade para posicionarse como destino de turismo de saúde, sendo o termalismo o principal atractivo ou un complemento que se combina con outros recursos turísticos, coma poden ser a natureza ou a gastronomía”. E indicou que “Paipa e Boyacá teñen todo o necesario para posicionarse internacionalmente coma un dos grandes destinos termais de América Latina”.

Termatalia consolídase, ademais, coma un perfecto exemplo de cooperación público-privada e tamén iberoamericana, tal e como subliñou durante a súa intervención Rosendo Fernández, que se referíu a que, “nesta 23ª edición, sitúase de novo coma o epicentro mundial do turismo termal, da saúde e o benestar, ofrecendo un espazo único para os negocios, a formación e o ‘networking’”. O deputado de Turismo de Termalismo de Ourense engadiu que “Termatalia é un exemplo indubidable dunha das máximas que defende a diario a Deputación de Ourense: a cooperación; un exemplo por si mesma dun espazo aberto, dinámico e plural desde onde promover o intercambio de experiencias, dende unha perspectiva empresarial, institucional e social”.

Pola súa parte, Manuel Pardo, presidente do comité executivo de Expourense, pechou o acto facendo referencia a que “Galicia participa con ilusión e gañas, porque queremos expandir por e dende Colombia a toda América tódalas cualidades e atractivos que nos teñen convertido na primeira potencia termal de España e segunda de Europa”, e, por elo, dende a Xunta deseñaron o Plan de Turismo Termal de Galicia 2025-2028, que busca consolidar e reposicionar a Galicia coma referente do termalismo no ámbeto internacional. O tamén delegado territorial da Xunta en Ourense concluíu poñendo en valor o termalismo como parte por dereito propio da nosa ‘Marca Galicia’ alzándose nun reclamo turístico, que foxe de experiencias masificadas, convida a desconectar, a relaxarse e a coidarse.