Os orzamentos do Concello do Carballiño para este ano superarán os 11 millóns de euros

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

A Corporación Municipal do Carballiño deu hoxe o visto bó en sesión plenaria á aprobación inicial dos orzamentos do Concello para este ano, que ascenden a un montante global de 11.217.136,63 euros, dos cales 640.000 euros serán adicados a investimentos. O expediente correspondente contou cos 11 votos a favor do goberno local, integrado por PSOE e PP, e os seis en contra da oposición (cinco de Espazo Común e un do BNG). O alcalde, Francisco Fumega, apuntou que “estes son uns orzamentos expansivos, xa que pasan dos 9,2 millóns de 2022 aos 11,2 actuais, nun Concello que só ten 182.000 euros de endebedamento, e coas achegas previstas doutras administracións como Xunta e Deputación, a cantidade global orzamentaria supera os 15 millóns de euros”.

Ao respecto, o voceiro popular, José Castro-Gil, explicou que para a ampliación do pavillón deportivo do colexio da Uceira, o Concello consigna o 20% dos 600.000 euros previstos no proxecto, e o resto será aportado pola Consellería de Educación. No caso da reforma da Praza de Abastos, o Concello destina tamén o 20% (uns 150.000 euros) do total presupostado de 800.000 euros, mentres para o proxecto da Praza Maior a achega municipal ao Plan Hurbe rondará os 140.000 euros.

Pola súa banda, Adolfo Nogueira, de Espazo Común, calificou de “remendos” estes orzamentos, “xa que non se aclara a qué proxectos van destinados os 640.000 euros de investimentos”, e criticou o excesivo gasto (200.000 euros) nas asignacións para os concelleiros con delegacións, “o máis caro da historia deste Concello”. O voceiro desta formación política tamén incidíu nas cantidades que van para os servizos privatizados, coma son os 355.000 euros para a limpeza viaria; 1,15 millóns para axuda no fogar;60.000 nas piscinas ou 300.000 na recadación. Pola contra, subliñou os 8.000 euros asignados para o rural do municipio.

Sofía García, polo BNG, comentou que “vostedes non foron capaces de presentar os orzamentos en tempo e forma, xa que se estiveran aprobados inicialmente no mes de outubro, xa serían definitivos a finais do pasado ano”. O expediente orzamentario exporase ao público durante 15 días para a formulación de alegacións, de xeito que de non habelas, as cantidades propostas pasarían a ser definitivas.

Na sesión plenaria tamén foron aprobadas por unanimidade unha moción do BNG relativa á promoción dos comercios e da Praza de Abastos da vila e outra de Espazo Común para a ampliación da área recreativa de Catro Camiños. Deste mesmo grupo, outra proposta para delimitar responsabilidades na xestión do Asilo dos Irmáns Prieto foi rexeitada polos votos maioritarios do goberno municipal, tamén decisivos para rexeitar o recurso interposto por Espazo Común contra o nomeamento da mesa de contratación do ciclo da auga. Os votos de PSOE e PP sacaron adiante o expediente para a adxudicación do servixo de axuda no fogar, ao abeiro da consignación dunha partida de 1,1 millóns nos orzamentos agora aprobados, ao igual que a modificación do PXOM na estación de autobuses para ubicar alí o novo Centro de Saúde.