Logo da anulación da licitación, consecuencia de deficiencias graves nos pregos, tal e como xa alertara o BNG no seu momento, actualmente o atraso na tramitación da renovación da concesión no Concello, “está afectando directamente á posta en marcha do transporte metropolitano”
Ourense, 04 de xaneiro de 2025. O Grupo municipal do BNG rexistrou, en base ao Regulamento Orgánico de Goberno e Organización do Pleno e a Comisión Especial de Suxestións e Reclamacións do Concello de Ourense, dúas preguntas para a súa resposta oral no Pleno previsto para este venres día sete, referidas á situación na que se atopa o proceso de licitación do transporte público municipal.
Segundo relatan os nacionalistas nas preguntas rexistradas, o pasado 16 de decembro de 2024, a Xunta de Goberno Local acordou anular o expediente de contratación do Servizo de Transporte Colectivo Urbano do Concello de Ourense, consecuencia dos recursos interpostos no seu día ao pregos de contratación, así como ordenar a elaboración dun novo expediente, corrixindo ditos erros e omisións.
Tendo en conta a incidencia que a licitación do Servizo de transporte público do Concello de Ourense ten para a posta en marcha do transporte metropolitano no que actualmente se está a traballar, desde o BNG solicitánlle ao Goberno Local que aclare, por unha banda en que estado de tramitación se atopa a día de hoxe o novo expediente do Servizo de Transporte Colectivo Urbano do Concello e por outra, en que data está previsto iniciar a nova licitación do Servizo.