A Federación Galega de Automobilismo, grazas ao traballo realizado durante os meses pasados e ás xestións realizadas polo presidente, Antonio Rodríguez Troitiño, conseguiu un aumento récord nas axudas da Xunta de Galicia para os organizadores de probas automobilísticas en Galicia.
O bo traballo realizado durante os dous primeiros anos de lexislatura e as cordiais relacións coas institucións publicas permitiron este máis que considerable aumento das axudas ás Escuderías, que desta forma reciben un premio ao seu esforzo.
Ademáis, por primeira vez na historia, o slalom pasa a recibir axudas da Xunta de Galicia, recoñecendo o seu traballo na promoción do deporte nas vilas da autonomía.
Este aumento de axudas, no que o presidente puxo un enorme esforzo persoal, tamén ten a súa aplicación nas probas de carácter nacional, que terán unha axuda moito máis forte dende a Xunta de Galicia.
Desta forma, o importe das axudas do Goberno autonómico para as citas autonómicas pasa dos 170.005 aos 199.589,50 euros, mentres que nas probas do nacional as axudas pasan de 66.710 a 116.550 euros, un récord histórico no automobilismo galego.
Como complemento ás cantidades que aportará a Xunta de Galicia e debido a chegada de novos patrocinadores privados e a maior implicación dos xa existentes a FGA concederá unha axuda económica a tódalas probas galegas de carácter autonómico, o que reforza a posición de colaboración cos organizadores, un dos elementos clave dentro da Federación Galega de Automobilismo. O importe total desta axuda directa é de 22.950 euros, o que sumado ó aportado pola Xunta da un total de 222.539 euros para as probas autonómicas.
Neste senso, durante esta tempada tamén chegará a FGA novo material que estará a disposición das organizacións, todo elo co compromiso de facilitar o traballo nas probas galegas.
Estas axudas súmanse as que xa se puxeron en marcha a tempada 2024, estas máis orientadas ós deportistas. Neste caso a Federación Galega de Automobilismo asumiu o custe do aumento da cobertura do seguro, o que supuxo algo máis de 80.000 euros para as arcas da FGA.
No 2025, esta axuda aos deportistas refrendouse co acordo para a expedición da licencia única, o que permitirá ós federados galegos competir na práctica totalidade do territorio español. Novamente, o custo deste cambio será asumido pola FGA sen afectarlle directamente ós galegos.
Dende a Federación Galega de Automobilismo queremos agradecer a Secretaría Xeral para o Deporte e a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes pola súa confianza e apoio nos proxectos deportivos e de formación neste 2025.