O ‘II Rallysprint de Piñor’ ofrece un atractivo programa de competición coa participación de 87 pilotos

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Un total de 87 pilotos de toda Galicia participan dende hoxe e ao longo da xornada de mañá, sábado día 15, no ‘II Rallysprint de Piñor’, unha proba deportiva federada incluída no Campionato Xunta de Galicia de Rallysprint GT2i 2025 e que se desenvolverá en tramos de 41 quilómetros de tramos cronometrados dos municipios de San Cristovo de Cea e Piñor. Esta competición foi presentada na tarde de onte no Centro Cultural do Arenteiro, nun acto que contou coa presenza dos alcaldes de Piñor e Cea, José Luis González e José Luis Valladares; os responsables dos servizos de Deportes de Deputación Provincial e Xunta de Galicia en Ourense; o capitán do Subsector de Tráfico da Garda Civil; o presidente da Federación Galega de Automobilismo, Antonio Rodríguez Troitiño, e Carlos Iván Alonso, presidente da Escudería Motor Piñor, organizadora da proba.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

José Luis González agradeceu o apoio tanto de Xunta como da Deputación e da propia Federación a esta competición do calendario federado, e destacou o impacto económico que ten este tipo de eventos deportivos no propio municipio, a nivel de hostalería, e, tamén, a afluencia de visitantes que se achegan e así coñecen mellor os atractivos da paisaxe e das infraestructuras do Camiño Xacobeo de Piñor.

A nivel competitivo, e con presenza de catro pilotos locais, o programa ábrese hoxe ás 19,00 horas coas verificacións administrativas dos participantes no Restaurante Ateneo, que terán continuidade mañá sábado, xornada na que se levarán a cabo as verificacións técnicas, dende as 7,30 horas, na gasoliñeira Cepsa Ateneo. O parque pechado ubicarase na praza da localidade de Arenteiro, e no parque empresarial de San Cristovo de Cea o de traballo, organizándose o reagrupamento dos vehículos na rúa España desta mesma localidade.

Xa na xornada de mañá, sábado, os pilotos afrontarán as primeiras pasadas polo primeiro tramo, ás 14,20 horas, e, polo segundo, ás 14,50 horas. A repetición de ámbolosdous percorridos desenvolverase, respectivamente, ás 17,43 e ás 18,15 horas, cun total de 41 quilómetros cronometrados. Ademais dos trofeos da puntuación xeral, haberá tres de Talleres Alonso para os primeiros da clasificación extra (WRC, R5, N5 e GT) e outros catro para os participantes na categoría local de Piñor e Cea.