O módulo de carpintería e moble do Programa de Emprego para Persoas Mozas prosegue, segundo o previsto, con outra das prácticas planificadas; esta vez, coa restitución e restauración do valado perimetral na contorna do Pozo do Lago en Maside. Esta é unha das actividades prácticas que levan a cabo as alumnas e alumnos deste obradoiro ‘Carbomas’, que comezou a súa andaina a mediados do mes de outubro do pasado ano e que abrangue aos concellos do Carballiño, Boborás e Maside.
Un total de 16 alumnas e alumnos destes tres municipios, e de idades comprendidas entre os 18 e os 25 anos participan no proxecto do obradoiro de emprego xove, e no que se formarán a nivel educativo e profesional, neste caso nas modalidades de xardinería e carpintería, baixo a coordinación dun equipo docente dirixido por David Lozano.
Ao longo dun ano, os actuacións deste obradoiro centraránse na posta en valor de espazos naturais senlleiros e de interese turístico e doutras áreas axardinadas dos tres municipios integrados no proxecto. Concretamente, entre outras, contémplase para O Carballiño a reposición e acondicionamento das pasarelas do segundo tramo do paseo fluvial do Arenteiro que se atopan ubicadas na contorna do barrio de Toscaña, As Barcias e o Parque Etnográfico.
No caso de Maside, xa se está a acometer a mellora das infraestruturas existentes nos sendeiros que percorren a paraxe natural do Puzo do Lago, mentres en Boborás levaranse a cabo traballos de reparación das pasarelas peatonais que comunican a localidade de Pazos de Arenteiro co Puzo dos Fumes.