O xove deportista do Irixo Roi Freixedo González dá o salto á competición internacional como representante de España tras ser convocado pola Real Federación Española de Tiro Olímpico (RFEDETO) para participar no campionato europeo. Concretamente, competirá na European Youth League Championship que terá lugar na cidade italiana de Bolonia entre os días 4 e 6 de abril do presente ano.
Roi Freixedo (O Irixo, 2007) foi seleccionado polo devandito organismo deportivo do Estado integrando o equipo de pistola que representará a España e que está composto por un total de catro deportistas: dúas mozas de Asturias e Castela-León e dous mozos (o propio Roi e outro, representando, respectivamente, a Galicia e Andalucía). Ao regreso desta competición internacional, o xove tirador do Irixo preparará a Copa de España que se celebrará en La Rioja entre o 25 e o 27 de abril.
Este torneo europeo é unha rolda clasificatoria da ‘Zona Oeste’ da Youth League e de onde sairán os equipos que disputarán a final contra os países clasificados da ‘Zona Este’, que desputan a súa competición na cidade de Novi Sad (Serbia), e da ‘Zona Norte’ que se celebra en Dobele (Letonia). A fase final deste campionato terá lugar no mes de outubro na capital de Hungría, Budapest. Na división occidental competirán un total de 19 países (España entre eles), mentres na oriental serán 21 e outros 10 na norte.