O Concello de Maside alerta á veciñanza dunha suposta estafa para tramitar o pago de débedas

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

O Concello de Maside vén de alertar sobre unha suposta estafa que se estaría a cometer con veciñas e veciños do municipio e relacionada coa tramitación do abono de débedas coas arcas municipais. Unha actividade delictiva semellante á detectada no Carballiño hai uns días e na que o obxectivo eran os propietarios de establecementos de hostalaría da vila.

No caso de Maside, alguns veciños estiveron a recibir chamadas en nome do Concello para reclamarlles algunha débeda pendente no abono de impostos ou taxas municipais, de xeito que a persoa que efectuaba a comunicación lles solicitaba información personal para que puidesen levar a cabo a tramitación dos pagos. Así, dende o Concello advirten que se trata dunha estafa, xa que dende as oficiñas municipais non se realizan este tipo de chamadas, e aconsellan á poboación que non faciliten ningún tipo de información a persoas descoñecidas e, no seu caso, o poñan en coñecemento da Garda Civil.

Xa hai uns días, o Concello do Carballiño tamén alertaba sobre un suposto fraude que se estaría a acometer en diferentes establecementos de hostalaría da vila ao abeiro da renovación das licencias de actividade destes locais. Según a nota difundida polas autoridades municipais, distintos propietarios de negocios hostaleiros aseguraron recibir chamadas procedentes do Concello carballiñés para facilitarlles un enlace e unhas claves que debían introducir co obxectivo de poder tramitar a renovación das devanditas licencias.

Dende o Concello advertíase que non se estaban a realizar tales chamadas e que podía tratarse dunha posible estafa, pregando á veciñanza que non fixera caso a este tipo de comunicacións, e para calquera dúbida recomendaron poñerse en contacto telefónico coas oficiñas municipais ou coa Policía Local.