A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, achegouse esta mañá ata a localidade de Liñares, no municipio de Avión, para participar na presentación do proxecto de mellora da estrada OU-212, cuxa licitación saíu hoxe tras ser aprobada o pasado luns polo Consello da Xunta, e que suporá un investimento aproximado de 1,5 millóns de euros. A responsable deste departamento autonómico estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e dos alcaldes de Avión, Antonio Montero, e Beariz, Manuel Prado.
A intervención supón o acondicionamento desta vía autonómica nun tramo de 6 quilómetros entre o centro urbano de Beariz, á altura do punto quilométrico 6+250, e o desvío ao núcleo do Couso, en Avión, no quilómetro 12+620. Como explicou a conselleira, a intervención “conxuga os obxectivos que nos marcamos para acadar unhas estradas máis humanas, sostibles e seguras”. Así, as principais actuacións serán a ampliación da plataforma do viario ata os 7 metros, así como a rectificación dunha curva en Beariz (no pq 7+350) aumentando o radio dos actuais 30 metros aos 50 metros para mellorar así a seguridade, ademais da humanización da travesía de Liñares, xa na zona urbana en Avión.
Nesta contorna dotarase á travesía de beirarrúas e zonas de aparcamento ao mesmo nivel da estrada, para integrar adecuadamente o viario nesta zona urbana. A actuación contemplará outras melloras complementarias, como o acondicionamento dos accesos existentes á estrada OU-212, a renovación da iluminación e das varandas de protección peonil, así como a reposición de servizos afectados e a renovación da sinalización, adecuándoa ao novo deseño da estrada.
As empresas terán de prazo ata o 21 de abril para presentar as súas ofertas para a execución dos traballos, que unha vez adxudicados haberá un prazo de 14 meses para a súa execución. A Xunta xa levara a cabo nesta estrada unha actuación de reforzo de firme, cun investimento ao seu paso por Avión de 300.000 euros. Neste senso, a conselleira salientou o compromiso da Administración autonómica en materia de conservación de estradas e seguridade viaria, á que se destinan este 2025 un total de 68 millóns de euros.
Antonio Montero agradeceu o apoio da Consellería a “unha vella reivindicación”, a mellora “desta estrada que vertebra aos concellos de Avión e Beariz, e que no verán incrementan a súa poboación polo retorno dos nosos emigrantes”. Pola súa banda, Manuel Prado, destacou o importante investimento e o feito de que “nos puxéramos dacordo os dous alcaldes para fixar as prioridades en cada treito desta estrada”.