As datas de celebración da 41ª edición da “Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia 2025” (MIT) xa foron fixadas. O festival, consolidado como unha das citas imprescindibles no panorama das artes escénicas contemporáneas, desenvolverase do 18 ao 26 de xullo. Iníciase unha nova etapa na dirección da MIT con Sabela Mendoza como directora artística e Gena Baamonde como directora adxunta. Esta nova dirección ten como obxectivo consolidar a MIT como un referente cultural colectivo, promovendo un modelo de festival que funcione como motor de apoio á creación, á diversidade e á pluralidade escénica. A aposta céntrase na renovación e no fortalecemento da identidade do festival, garantindo a súa conexión co contexto teatral contemporáneo e co público.
A nova proposta de dirección artística dará continuidade e ampliará os valores e liñas de acción habituais do festival, combinando “experiencia, tradición e vangarda”. A programación incluirá nomes internacionais de referencia, hibridación de linguaxes, talento galego emerxente e consolidado, coproducións, residencias, premios e actividades paralelas. O lema escollido para esta edición, “Escens en tránsito”, pon o foco en propostas que exploran a mobilidade entre linguaxes, corpos e territorios.
Algunhas das liñas curatoriais que guiarán esta edición son “O indómito”, creación que emerxen nas fisuras, nas fendas; “Laboratorios do presente”, aquelas propostas que traballan pensando no hoxe dende perspectivas da complexidade, da relación dos sistemas de representación e reximes sensibles; “Constelacións”, aquelas pezas ou traxectorais que traballan en relación a outras obras ou xenealoxías, tándems creativos, as historias dos colectivos e das agrupacións; “Corpos en tránsito”, creacións que nos falan de mudanzas, de transicións… e as “Cartografías do xesto”, propostas que trasladan paisaxes e poéticas á escena.
“Formulamos esta proposta co desexo de seguir facendo da MIT un festival internacional de referencia para as artes escénicas contemporáneas, unha cita cultural de orgullo colectivo – para a cidadanía de Ribadavia e para a sociedade galega en xeral – e un contexto artítico de primeiro nivel que celebra a pluralidade e a diversidade“ destacan Sabela Mendoza e Gena Baamonde dende a dirección da MIT.
A MIT aposta pola mellor creación galega e internacional, incorporando novos nomes e figuras establecidas do panorama escénico, ligando memorias e legados a novas dramaturxias e promovendo a mestura e hibridación de estilos e formatos para superar fronteiras artísticas. Ademais da exhibición de pezas escénicas, a MIT estende o seu impacto a iniciativas que fomenten a creación, a produción e o diálogo entre profesionais e público, reforzando a súa posición como axente dinamizador da cultura. “A MIT é un festival que non se limita ás súas datas de celebración, senón que reivindica e celebra a súa existencia como axente cultural e dinamizador tanto da comunidade artística e profesional como para a sociedade en xeral”, poñen en valor Mendoza e Baamonde.
Así mesmo, as bases do Premio Abrente de Textos teatrais foron aprobadas polo Concello de Ribadavia que, a través da MIT, convoca a que é xa a 20ª edición deste premio, un certame consolidado como un dos principais referentes da dramaturxia en galego. O gañador ou gañadora recibirá un premio de 4.000€, ademais da publicación do texto e a posibilidade de apoio para a súa posta en escena, dependendo das posibilidades e dos intereses do autor ou autora premiada.