O voceiro do PP do Irixo, Manuel Cerdeira, denunciou ante a Garda Civil que recibíu ameazas nunha carta anónima

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

O voceiro do Partido Popular do Irixo, Manuel Cerdeira, presentou unha denuncia no cuartel da Garda Civil do Carballiño polas ameazas recibidas contra a súa persoa e recollidas nunha carta anónima enviada ao seu domicilio particular. O actual voceiro do PP na Corporación e exalcalde do Irixo decidiu dar este paso logo de recibir constantes ameazas e mesmo acusacións sobre aspectos estritamente relacionados coa súa vida persoal, situación que comezou en agosto de 2023, logo da presentación da moción de censura contra o goberno municipal que él mesmo presidía, apenas 50 días despois de que tomara posesión como alcalde.

O vencellamento destas ameazas coa crise política que se vive no Concello do Irixo “é a razón da denuncia presentada”, manifestou o propio Manuel Cerdeira, que lamenta que se chegue a este tipo de situacións cando “máis aló das diferencias entre partidos nunca houbo problemas persoais entre os membros da corporación, fosen da formación que fosen”.

Así, para o voceiro do PP do Irixo, “cando se deixa a un lado a defensa dunhas ideas e se traspasa o límite persoal, iso xa non é política”. Manuel Cerdeira e os populares do Irixo expresan o seu cansanzo por soportar desde o inicio do mandato estes ataques, “pero chegou o momento de dicir basta e esixir que no se volvan a repetir”. 

Cerdeira forma parte do grupo municipal do PP do Irixo, integrado por catro concelleiros, e gobernou o Concello en minoría dende xuño a agosto de 2023, cando foi obxecto dunha moción de censura presentada polos tres representantes de Xuntos polo Irixo (XPI) e os dous do PSdeG-PSOE, e que colocou na alcaldía a Susana Iglesias, de XPI. Tra-la expulsión dun edil de XPI e a dimisión do voceiro socialista e tenente de alcalde, Iago Fariñas, a alcaldesa quedou en minoría e, no pasado mes de xaneiro, unha nova moción de censura, asinada polos catro representantes do PP e as dúas concelleiras do grupo socialista (agora expulsadas do PSdeG-PSOE) colocaban a unha destas, Rosa María Dalama, á fronte da Corporación.