A segunda quenda de excavacions no Castro de San Vicenzo de Avión rematou tras dúas semanas de traballos realizados por un equipo dirixido polo arqueólogo Jorge Lamas, e que estiveron centrados na consolidación e a restauración da segunda cabaña circular descuberta na primeira fase, que se desenvolveu o ano pasado. As características desta segunda vivenda castrexa non semellantes ás da primeira excavada na campaña de 2024, cun diámetro aproximado de 5,50 metros aínda que os seus muros resultaron un chisco más estreitos.
“Isto vén demostrar que estamos ante un asentamento que se pode datar entre os séculos III e IV antes de Cristo e o século I despois de Cristo”, coméntanos Jorge Lamas, que contou coa colaboración da arqueólogo Victoria Folgueira nas tarefas de restauración. Os traballos desta segunda fase deixaron ao descuberto pezas de cerámica que non apareceran antes, se ben o ano pasado o equipo de técnicos conseguíu un moi interesante achádego dunha lousa cun tríscele gravado e tamén unha cruz embolada, únicas nos centros castrexos das comarcas do Carballiño e O Ribeiro e as primeiras rexistradas en Galicia.
A iniciativa destas excavacions partíu da asociación cultural ‘Vive Avión’ e da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de San Xusto, coa colaboración da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia e o Concello de Avión. Un asentamento castrexo dunha extensión de 4 hectáreas e que se atopa a unha altitude de 615 metros, dominando unha ampla panorámica montañosa onde se poden ollar os cumes das serras do Testeiro e do Suído.
O presidente de ‘Vive Avión’, Amancio Bruquet, apuntounos que, ademais das dúas cabañas, tamén se localizou e se consolidou, co apoio de Patrimonio, unha das portas de acceso ao asentamento castrexo. Asemade, os traballos terán continuidade coa colaboración da Xunta, “que ten prevista a utilización dun xeoradar para detectar as estruturas que poidan estar agochadas e así facilitar futuras intervencions arqueolóxicas”, conclúe Jorge Lamas.