A Xunta recibiu seis ofertas para a execución das obras de mellora da estrada OU-212 ao seu paso polos concellos de Beariz e Avión, nas que se investirán case 1,5M€ (1.453.550€). As obras prevense iniciar ao longo do vindeiro verán. A través desta intervención, acondicionarase esta estrada autonómica nun tramo de 6 quilómetros entre o centro urbano de Beariz, á altura do punto quilométrico 6+250, e o desvío ao núcleo do Couso, en Avión, no quilómetro 12+620.
As principais actuacións serán a ampliación da plataforma do viario ata os 7 metros, así como a rectificación dunha curva en Beariz (no pq 7+350) aumentando o radio dos actuais 30 metros aos 50 metros para mellorar así a seguridade, ademais da humanización da travesía de Liñares, xa na zona urbana en Avión. Nesta contorna dotarase á travesía de beirarrúas e zonas de aparcamento ao mesmo nivel da estrada, para integrar adecuadamente o viario nesta zona urbana.
A actuación incluirá outras melloras complementarias, como o acondicionamento dos accesos existentes á estrada OU-212, a renovación da iluminación e das varandas de protección peonil, así como a reposición de servizos afectados e a renovación da sinalización, adecuándoa ao novo deseño da estrada.
De xeito parello, a Xunta tamén acaba de anunciar a través do Boletín Oficial da Provincia de Ourense a convocatoria para os días 14 de maio e 9 de xullo o levantamento de actas previas e a formalización das actas de ocupación de bens e dereitos afectados por estes traballos de mellora da OU-212. En concreto, o levantamento de actas previas terá lugar no Concello de Beariz o 14 de maio, entre as 09,30 e as 14,00 horas, mentres que o día 9 de xullo convocaranse aos propietarios afectados para a formalización das actas de ocupación, entre as 10,00 e as 13,00 horas.