O Concello de Boborás levará a cabo unha reposición integral do firme da estrada que dá acceso á parroquia de Cardelle. Esta actuación, financiada con cargo ao Plan Camiña da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, suporá un investimento de 72.000 euros.
Na actualidade, o firme atópase nun estado de grande deterioro, polo que esta intervención resulta prioritaria. As obras incluirán a limpeza de cunetas, o bacheo de todo o trazado e un tratamento final con dobre rego e sellado, mellorando así notablemente a seguridade e comodidade do vial.
Esta mellora súmase a outras actuacións xa realizadas en Cardelle, como a reforma integral do sistema de iluminación pública, agora con tecnoloxía LED, o que supuxo unha mellora a nivel lumínico e un importante aforro enerxético. Tamén se levaron a cabo labores de humanización en dúas prazas, combinando formigón desactivado e adoquíns. Entre elas destaca a Praza da Igrexa, cuxa renovación contribuíu a embelecer o entorno.
Deste xeito, e sumando todas as actuacións anteriores xunto coa mellora do acceso, o goberno municipal de Boborás leva investidos un total de 150.000 euros durante o presente mandato, sen contar outras intervencións como limpezas e reparacións puntuais noutros elementos do entorno.