As “Supermulleres de Boborás” entregan 3.142 € a favor da Asociación Española Contra o Cancro de Ourense

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Nun emotivo acto celebrado no Concello de Boborás, o grupo de mulleres coñecido como as “Supermulleres de Boborás” fixo entrega dun cheque por valor de 3.142,64 euros á Asociación Española Contra o Cancro de Ourense, destinados integramente ao programa de “Préstamo de material ortopédico para pacientes oncolóxicos” da provincia de Ourense.

Este grupo, formado por cinco mulleres do rural ourensán —Leontina Vázquez, Mª Dolores González, Rosa Mª Pérez, Concepción García e Rocío Sobrado— reúnese semanalmente para elaborar manualidades solidarias como pezas de ganchillo, calceta, bonecas artesanais e outras creacións que posteriormente venden en mercadiños. Todo o recadado é doado co obxectivo de colaborar con causas solidarias e dar visibilidade ao labor de entidades como a Asociación.

As “Supermulleres” xurdiron tras coincidir nun curso promovido polo Concello de Boborás para mulleres do rural. O que comezou como unha actividade formativa transformouse nunha rede de apoio, amizade e compromiso solidario. Ademais do seu traballo artesanal, as súas reunións convertéronse nun espazo de socialización, intercambio cultural e emocional, onde comparten risas, libros, vivencias e soños.

No acto de entrega estiveron presentes a alcaldesa de Boborás, Ana Patricia Torres, a concelleira de Igualdade, Rosa María Pérez, o presidente da asociación en Ourense, Germán Rodríguez-Saá, así como as integrantes do grupo. En palabras dunha delas: “Supermulleres de Boborás nace das ganas de veciñas, agora amigas, confidentes e demais, de priorizar o pouco tempo libre de cada unha para axudar nunha boa causa. A nosa colaboración é a de todos, porque todos sumamos, que é o importante”.

Con idades que van dende os 60 ata máis de 90 anos, estas mulleres representan un exemplo de xenerosidade, entrega e ilusión, tal e como elas mesmas definen o seu espírito. Co apoio das súas familias, do Concello e de veciños que “fan a vista gorda” cando ocupan o Local Social da Almuzara para as súas xuntanzas, continúan sumando esforzos para axudar a quen máis o precisa.

Desde a Asociación Española Contra o Cancro en Ourense agradeceuse fondamente esta colaboración, subliñando que achegas como a das Supermulleres son esenciais para continuar ofrecendo apoio material e emocional a pacientes oncolóxicos de toda a provincia. O Concello de Boborás, pola súa parte, quixo recoñecer publicamente esta iniciativa como un exemplo de acción comunitaria e compromiso social que fortalece o tecido solidario do rural galego.