Atopan no río Miño o corpo sen vida de Sergio García, o veciño de Ourense que desaparecera o pasado 28 de abril

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Un equipo integrado por efectivos do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) de Ribadavia e voluntarios de Protección Civil, entre outros, atoparon esta mesma tarde o corpo dun home sen vida no cauce do río Miño, que corresponde a Sergio García Dacosta, veciño de Ourense de 85 anos e cuxa desaparición denunciara a súa familia, según confirmaron fontes da Garda Civil. O achádego do cadáver tivo lugar pasadas as 16,00 horas de hoxe no tramo de cauce fluvial comprendido entre as localidades de Oleiros e Prado, pertencentes ao municipio de Castrelo de Miño, no decurso do operativo de busca organizado dende hai unha semana por parte das forzas de seguridade, equipos e voluntariado de emerxencias.

Unha vez feito o levantamento do cadáver por parte da autoridade xudicial, confirmouse que se trataba de Sergio García, o mesmo veciño de Ourense cuxa desaparición na cidade foi denunciada pola súa familia o pasado luns 28 de abril. Sergio García Dacosta, de 85 anos, coñecido popularmente por ‘Caneda’, desaparecera na mañá dese día cando saíu a dar o seu paseo habitual polos arredores da súa vivenda da capital ourensá, no que acostumaba a percorrer a beira do río Miño, xa que según os seus familiares gustáballe o contacto coa natureza. O feito de que este veciño non voltase ao domicilio, motivou á súa familia a denunciar a súa desaparición nesa mesma xornada.

Unha vez que SOS Galicia deu a alerta pola desaparición, brigadas da Policía Local, Garda Civil, Protección Civil, Grupo de Emerxencias de Barbadás e voluntariado da Cruz Vermella iniciaban o pasado 29 de abril as tarefas de busca, que se concentraron principalmente nas zonas próximcas ao río Miño, aínda que tamén se extenderon a outras areas da cidade como parques, sendeiros e rúas da contorna do domicilio de Sergio García.

O pasamento de ‘Caneda’ está a causar unha fonda conmoción entre a cidadanía de Ourense, xa que era unha figura moi coñecida no mundo do fútbol de Galicia por ter sido profesor e examinador de adestradores na Federación Galega de Fútbol, actividade na que deixou unha pegada profunda pola súa adicación e coñecementos.