Á Área de Igualdade, que dirixe a deputada provincial Teresa Barge, ten tamén presente o Día das Letras Galegas con este recoñecemento baixo o lema “A tinta feminina da conciencia”
Inma Soto é a creadora de “Xela, a superheroína de aldea”, una rapaza espelida, creativa e divertida que defende o rural e é galego falante, todo un referente actual para moitas nenas
Ourense, 7 de maio de 2025.
A Área de Igualdade dá continuidade ao seu programa “8M, mes a mes” tendo tamén moi presente o 17 de maio, Día das Letras Galegas. Por este motivo, esta área da Deputación dirixida pola deputada Teresa Barge adícalle este mes ás mulleres escritoras, personificadas en Inma Soto, creadora de “Xela, a superheroína de aldea”.
Precisamente, o lema seleccionado para este mes foi: ” A tinta feminina da conciencia”, facendo referencia ás mulleres escritoras que co seu don da palabra comparten sabedoría e sensibilidade, espertando deste xeito, as conciencias das súas lectoras.
Inma Soto, -Inmaculada Belén Soto Iglesias., é unha escritora da cidade de Ourense. Graduouse en Ciencias do Mar na Universidade de Vigo; Tamén é Técnica de Xestión Forestal e do Medio Natural, estudos que realizou en Xinzo de Limia. Inma é contadora de historias, educadora ambiental e gran admiradora da nosa natureza. Tanto a súa formación coma a súa motivación vital dannos unha pista sobre o contido dos seus famosos contos, onde Xela, unha rapaza espelida, creativa e divertida é superheroína no rural e ademáis, galegofalante. Un referente actual para moitas crianzas!
Inma traballou en diferentes proxectos, sempre ligada a divulgación e a conservación da natureza; Segundo a autora,”das dúas naturezas, a do medio e a entendida como a esencia que nos define culturalmente, pois en realidade unha vai da man da outra.” Deste xeito, nacen os seus contos, para sensibilizar na protección e respecto polo medio ambiente, e para divulgar e dar a coñecer o noso patrimonio; “Hoxe, os contos e as historias son un dos xeitos máis fermosos que atopei para comunicarme”, sinala a escritora.
En conclusión, a obra de Inma Soto, personificada no conto de Xela, -que abraza a súa lingua materna e a contorna natural que a arrodea-, transcende a simple narrativa para se converter nun vibrante manifesto. A través da súa pluma, defende con paixón non só a riqueza e a vixencia do galego no século XXI, senón tamén a fonda conexión entre a identidade cultural, a vida no rural e a imperiosa necesidade de protexer o noso patrimonio. A súa literatura é un recordatorio poderoso das nosas raíces e un chamamento a valorar e preservar aquilo que nos define.