O grupo municipal de Espazo Común vén de presentar unha moción solicitando que “a Corporación do Carballiño condene sen ambaxes calquer acto de transfuguismo que incumpla cos parágrafos do Pacto Antitransfuguismo”, ao abeiro dos parágrafos deste acordo asinado hai anos polas forzas políticas do Estado. As concelleiras e concelleiros deste grupo da oposición municipal subliñana que “o vindeiro xoves 29 de maio haberá sesión plenaria no Concello do Carballiño e será a enésima na que os 11 concelleiros que suman PP e PSOE compartan goberno cando non se van turnando na alcaldía”.
Lembran que “xa aconteceu por dúas veces que ante a ausencia de Francisco Fumega, o alcalde do PSOE para presidir o Pleno, este delega a competencia en José Rafael Castro-Gil Seijas, voceiro do PP”. Dende Espazo Común consideran “que este comportamento, partindo do acordo non autorizado, como é público, polo PSOE, e seguindo pola suba do gasto en soldos máis todo o que conleva consigo, vulnera claramente o Pacto Antitransfuguismo asinado pola meirande parte das formacións políticas españolas”.
Un pacto no que se recolle que “Aos efectos do presente acordo, enténdese por tránsfuga aos e ás representantes locais, autonómicos e estatais que, traizoando ao suxeito político (partidos políticos, coalicións ou agrupacións de electores) que os e as presentou ás correspondentes eleccións, abandoaran o mesmo, teñan sido expulsados ou se aparten do criterio fixado polos seus órganos competentes“.
Así, a formación política que lidera Manuel Vázquez entende que “non é de recibo que haxa case un ano que se lle abriu expediente de expulsión ao rexedor carballiñés e no Concello aínda non haxa documento oficial ningún que acredite esta cuestión”. Engaden que “tampouco é moi comprensible que os cinco concelleiros socialistas que están nese goberno, que votaron a favor do acordo e que votan, pleno tras pleno, xunto co PP, sigan nese limbo surrealista no que comparten grupo cun presunto tránsfuga pero eles non o son e un deles sexa incluso deputado provincial do PSOE”.