O xove deportista Roi Freixedo, do Irixo, gaña a medalla de ouro no Campionato Galego de pistola velocidade

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Roi Freixedo González, o xove deportista do Irixo, conseguíu este pasado sábado na Coruña a medalla de ouro na categoría junior no Campionato Galego de pistola velocidade. Roi Freixedo (O Irixo, 2007) vén competindo en tres disciplinas distintas do tiro de precisión: pistola 10 metros (modalidade olímpica) e pistola velocidade e pistola estándar (non olímpicas).

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Na modalidade de velocidade emprégase unha pistola de cinco tiros, de xeito que durante a proba hai que facer 40 disparos de competición que se realizan sobre cinco dianas abatibles, onde os blancos son de seis centímetros de diámetro e están situadas a 10 metros do tirador. A puntuación obtense despois de realizar oito series de cinco disparos, nun tempo de 10 segundos cada unha, e cada diana abatida é un punto.

Roi Freixedo graduouse en Bacharelato esta semana e agora tócalle enfrontarse ás Probas  de acceso á universidade (PAU), o que lle vai impedir asistir á final da Copa Federación que se disputa en Barcelona entre o 29 de maio e 1 de xuño. O próximo campionato no que participará será xusto despois do último exame da PAU: o Gran Premio de Murcia, que se celebrará entre os días 5 e 8 do vindeiro mes de xuño.

O xove deportista tamén viña de conseguir un diploma, correspondente ao 5º posto da clasificación final, na ‘Copa de España de Tiro Olímpico’ que se celebrou entre os días 25 ao 27 de abril no Centro de Tecnificación Deportiva de La Rioja nas modalidades de pistola e carabina O xove deportista do Irixo chegou á última fase clasificatoria sen apenas poder adestrar debido aos seus estudos.

Asemade, Roi Freixedo gañara en xaneiro a medalla de bronce na Copa Federación de Tiro Olímpico, celebrada en La Rioja como primeira competición oficial do calendario estatal. O tirador do Irixo competira na categoría junior masculina na modalidade de pistola de precisión.